Os campionatos galegos de tenis de mesa citan 200 deportistas en Príncipe Felipe
Por Redacción
O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra foi escenario este martes da presentación dos campionatos galegos de tenis de mesa, que terán lugar os días 5 e 6 de xuño no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra.
Organizados polo Tenis de Mesa Monte Porreiro co apoio da Federación Galega, a cita reunirá máis de 200 deportistas para competir nas categorías prebenjamín, alevín, infantil, sub-23 e para persoas con diversidade funcional.
Trátase para Nando Álvarez, director deportivo do Monte Porreiro, dun evento "espectacular", destacando os valores dun deporte que "é un dos máis integradores do mundo xa que non hai moitos deportes nos que as ligas territoriais sexan mixtas, non importe a idade dos xogadores e as persoas con diversidade funcional participen en igualdade de condicións".
Álvarez agradeceu ademais á institución provincial que "aposte seriamente por nós en tempos moi complicados".
Estes campionatos "van poñer o broche final a unha tempada atípica, ilusionante e na que con moito esforzo conseguimos, investindo en seguridade, dar a coñecer que o tenis de mesa é un deporte seguro", defendeu á súa vez o presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa, Jose Luís Cabaleiro.
Pola súa banda o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, destacou na súa intervención que tal e como ocorre no tenis de mesa falar de deporte é facelo de "equipo, inclusión e igualdade, uns valores cos que se debe educar á rapazada".