Jorge Otero regresa ao Arosa para afrontar o reto da Segunda RFEF
Por Diego Espiño
O Arosa xa ten substituto para Rafa Sáez, e é un vello coñecido da afección arlequinada.
Jorge Otero foi presentado este mércores como novo adestrador arosista, co que afrontará o reto que supón tentar consolidarse na nova Segunda RFEF tras o pelexado ascenso.
O técnico de Nigrán, que asina por unha tempada, regresa desta forma a Vilagarcía tres anos despois, e tras pasar desde entón polo Rápido de Bouzas na Segunda División B e as dúas últimas tempadas polo Alondras en Terceira.
Na súa anterior etapa o Arosa de Jorge Otero quedou en dúas ocasións ás portas do play- off de ascenso, finalizando a liga en sexta e quinta posición.
A elección do adestrador é a primeira pedra do novo proxecto arlequinado, que xa se move para pechar a renovación de boa parte do bloque que conseguiu o ascenso e sonda o mercado en busca de opcións para reforzar ao persoal.