O Arxil confirma a súa inscrición na liga Feminina 2, na que acumula 21 tempadas
Por Redacción
O Arxil formaliza unha tempada máis a inscrición do seu primeiro equipo na liga Feminina 2, na que acumulará xa 21 tempadas consecutivas na terceira categoría do baloncesto español. Ademais, o filial seguirá competindo tamén en Primeira Nacional.
A pesar da incerteza económica provocada pola situación sanitaria, o cadro pontevedrés foi capaz de reunir os fondos necesarios para o pago da inscrición e o aval bancario, así como de cumprir todos os requisitos administrativos para confirmar a principios de semana a inscrición de ambos os equipos nas súas ligas. No caso da liga Feminina 2, o aval bancario ascende a 13.500 euros.
Coa súa presenza na competición asegurada, os esforzos da dirección deportiva céntranse agora na confección do equipo que terá un ano máis Mayte Méndez ás súas ordes. "Será un plantel versátil e de calidade pero primando o bloque destas últimas tempadas", explican desde o club, no que este ano tratarán de potenciar o filial coa fichaxe de tres xogadoras.