La Vuelta a España cruzará o centro da vila de Portonovo
Por Redacción
La Vuelta Ciclista a España discorrerá, por primeira vez, polo corazón da vila de Portonovo e de Sanxenxo. A saída neutralizada da caravana multicolor partirá desde a Praza dos Barcos, percorrendo Augusto González Besada, o Paseo de Silgar, Baltar, Rafael Picó, Avenida de Pontevedra, Rúa Ourense, Rúa A Perla e retornar pola Estrada da Lanzada, Baltar, a estrada da circunvalación, Rúa Progreso, Avenida de León e a PO-308. A etapa concluirá no municipio de Mos.
O goberno está moi satisfeito coa “boa disposición” da organización de La Vuelta a España para incluír a ambas as vilas no trazado do percorrido que supoñerá un importante impacto económico e publicitario para Sanxenxo. En La Vuelta participan 23 equipos de ciclismo, que arrastran case 4.000 persoas, 2.500 entre organización e as marcas que hai detrás de cada equipo, máis os 1.200 xornalistas acreditados de máis dunha cincuentena de países.
Calcúlase que o impacto económico dunha etapa de saída, entre pernoitas, restauración, hostalería, comercio e combustible, deixa entre 500.000 e 700.000 euros na cidade. A maiores hai que ter en conta o impacto publicitario e mediático que supón, o sinal de televisión que chega a 190 países e a audiencia en España da retrasmisión da etapa un sábado que é de 2 millóns de espectadores.
O vindeiro sábado presentarase a cita na Praza dos Barcos co cómico e monologuista Pepo Suevos como condutor do acto no que participarán o alcalde, Telmo Martín; o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda e o director de La Vuelta, Javier Guillén. Tras a presentación, celebrarase unha marcha ciclista aberta ao público xeral, maior de 8 anos, previa inscrición nun dos puntos que se habilitará durante esa xornada na Praza dos Barcos.
O Concello de Sanxenxo repartirá ata mil camisetas conmemorativas e 500 aplaudidores entre os participantes e asistentes á cita. O percorrido simulará a proba que terá lugar o próximo 4 de setembro, con algunhas variacións, o que obrigará a realizar cortes de tráfico puntuais para garantir a seguridade da proba. No operativo participarán ata unha vintena de voluntarios do club ciclista local Corbelo e do programa municipal Xuventude
Relacionadas:
-
Sanxenxo e Pontevedra poñen en marcha un operativo polo paso de La Vuelta a España
Por Oskar Viéitez |
-
Os contedores de La Vuelta engalanan o trazado da etapa que partirá desde Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo quenta motores para o paso da Volta Ciclista a España
Por Redacción |
-
A etapa de La Vuelta con saída en Sanxenxo partirá do Porto Deportivo
Por Diego Espiño |