Támara Echegoyen métese de cheo na pelexa polas medallas tras unha gran remontada
Por Diego Espiño
Golpe enriba da mesa de Támara Echegoyen e Paula Barceló na segunda xornada de competición olímpica na clase 49er Fx de vela.
A regatista pontevedresa e a súa compañeira de tripulación sobrepuxéronse ao seu accidentado debut en Tokyo 2020 para sumar tres podios parciais e meterse de cheo na pelexa polas medallas cando se chega ao ecuador da fase de clasificación.
Echegoyen e Barceló xa demostraran na súa estrea un bo estado de forma, só penalizado por un envorco cando navegaban na cabeza e unha penalización por un fóra de liña, e na segunda xornada celebrada este mércores no campo de regatas de Sagami confirmaron esas sensacións estando sempre entre as mellores.
Na primeira manga do día a parella española comezou na cabeza e mantívose liderando ata o tramo final, no que foron superadas polas holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz. A pesar diso o seu segundo posto parcial supoñía o inicio da súa escalada na xeral ao colocarse quintas.
Esa remontada tivo continuidade na segunda regata das tres previstas, unha manga na que Echegoyen e Barceló repetiron posto de podio ao entrar en meta na terceira posición só por detrás das representantes danesas e as británicas, outras das máximas favoritas. Nese momento eran xa cuartas na clasificación provisional empatadas coas holandesas, terceiras, con 17 puntos.
Faltaba unha última proba e seguiu a tendencia, porque as campioas do Mundo empezaron dominando a regata que pechaba o día conseguindo finalmente un terceiro posto vendo como algunhas dos seus rivais fallaban e asaltando as posicións de podio na xeral.
Con este resultado Támara Echegoyen e Paula Barceló conseguen chegar ao ecuador da fase clasificatoria na terceira posición con 20 puntos. Só as superan as británicas Charlotte Dobson e Saskia Tidey (13 puntos) e as holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz (18 puntos), mentres que as danesas Marie Thusgaard Olsen e Ida Marie Baad Nielsen son cuartas (24 puntos).
Por diante restan aínda outras seis regatas entre venres e sábado antes da definitiva Medal Race do luns 2 de agosto, pero chegoyen demostrou que vai a por todas, coa súa segunda medalla olímpica entre cella e cella.
Relacionadas:
-
Támara Echegoyen queda a un punto do bronce e repite en Tokyo o cuarto posto de Río 2016
Por Diego Espiño |
-
Aprazada por falta de vento a Medal Race de Támara Echegoyen no 49er FX
Por Diego Espiño |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló clasifícanse en cuarta posición para a Medal Race
Por Almu Dapena |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló salvan unha complicada xornada e colócanse a un punto do liderado
Por Diego Espiño |
-
Accidentado debut de Támara Echegoyen e Paula Barceló nos Xogos, cun oitavo posto provisional
Por Diego Espiño |
-
Támara Echegoyen aterra en Tokyo e inicia a conta atrás para os seus terceiros Xogos Olímpicos
Por Diego Espiño |