A Pontevedra 4 Picos volve a escena dous anos despois con 1.500 ciclistas rexistrados
Por Diego Espiño
Foi unha longa espera debido á pandemia, que obrigo a varios aprazamentos, pero máis de dous anos despois a Pontevedra 4 Picos de ciclismo BTT volve a escena.
Un total de 1.500 deportistas, a cota máxima habilitada pola organización, daranse cita este sábado 11 de setembro na Boa Vila nun evento non competitivo que se converteu na "proba máis importante de bici de montaña que se celebra non só en Pontevedra, en Galicia, e tamén una das máis importantes do territorio nacional", defendeu na súa presentación o máximo responsable da organización, Josevi Cimadevila.
Nesta ocasión, debido á campaña de vacinación contra a covid, a saída dos ciclistas trasládase ao campus universitario, desde onde primeira hora da mañá partirán para percorrer 130 quilómetros na súa opción máis longa ou 60 quilómetros na curta, pasando as subidas ao Monte Castrove, Monte do Acibal, A Fracha e o Lago de Castiñeiras.
"Imos facer cinco saídas diferenciadas de 300 participantes cada unha", sinalou Cimadevila aludindo ao estrito protocolo de seguridade que se seguirá.
A pesar de que nesta edición celébrase no mes de setembro polas circunstancias "cando se poida tentaremos recuperar a súa data orixinal", confirmou pola súa banda o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, encomiando unha proba que "naceu con humildade e hoxe sete anos despois vemos que a pesar da pandemia e e as dificultades é xa unha referencia".
Na presentación da Pontevedra 4 Picos tamén estiveron presentes o deputado provincial Gregorio Agís e o xefe territorial da Consellería de Vicepresidencia e Turismo da Xunta de Galicia, Ramón Pereiro.
Relacionadas:
-
A Pontevedra 4 Picos pecha a súa data para 2022 e abre inscricións para os seus 'fieis'
Por Redacción |
-
A Pontevedra 4 Picos de BTT pon a proba a 1.500 ciclistas
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Aprazada a maio de 2021 a 4 Picos Bike
Por Redacción |
-
Aprazada ata o 12 de setembro a Pontevedra 4 Picos Bike
Por Redacción |