Pontevedra prepárase para o "primeiro gran campionato" post- covid no taekwondo galego
Por Redacción
O Pavillón Municipal dos Deportes acollerá entre o sábado 30 de outubro e o luns 1 de novembro o XXIII Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra.
A cita, organizada polo Club Mace Sport, é "despois do covid é o primeiro gran campionato que se fai en Galicia", asegurou na súa presentación o presidente do club, Miguel Ángel Cortegoso.
En Pontevedra competirán ao redor de 1.000 deportistas nas modalidades de combate, técnica e freestyle, con "nenos e nenas desde os 7 anos e en técnica adultos de máis de 75, o que demostra que é un deporte para todos", sinalou pola súa banda a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Esperanza Meilán.
"Vaise transmitir en directo, vía streaming. Haberá seis pistas de competición e, como novidade este ano, facilitaremos aos deportistas dúas pistas de combate-adestramento e outras dúas de adestramento", completou Cortegoso acompañado do concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o deputado provincial Gorka Gómez, o xefe de servizo provincial de deportes da Xunta, Daniel Benavides, e unha representante de Abanca.
O XXIII Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra dará comezo o sábado 30 de outubro coa competición de combate nas distintas categorías (9.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 19.30 horas), do mesmo xeito que o domingo 31 (9.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 19.30 horas), mentres que o luns 1 de novembro será a quenda das modalidades de técnica e freestyle.