O V Woman Raid reunirá no Pontillón do Castro 120 deportistas
Por Redacción
O vindeiro domingo 19 de decembro será unha xornada de deporte e natureza na contorna do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido.
Alí disputarase a V Woman Raid, carreira de orientación organizada polos clubs Habelas Hainas e Xesta Natureza co apoio de programa Muller e Deporte do Consello Superior de Deportes (CSD) e das federacións Española e Galega de Orientación.
Nesta privilexiada paraxe pontevedresa daranse cita ata 120 deportistas para unha competición que dará comezo ás 10.30 horas da mañá e que ocupará gran parte do día coas súas diferentes categorías, que pasan polo trekking, BTT e orientación específica OP, ademais de probas de pádel surf, zancos e memoria.
"En todas as probas a base será algo fundamental no noso deporte que é o mapa", explicou na presentación da carreira Ricardo Figueroa, de Xesta Natureza, acompañado do presidente da Federación Galega de Orientación, Javier Alvelo, e do edil de Deportes, Tino Fernández.
Cunha participación de "case o 50%" de deportistas femininas Fernández destacou na súa intervención que a orientación "ten un apartado importante para nós que é o seu carácter igualitario".