Máis de 400 padexeiros competiron no VII Trofeo Internacional Rías Baixas en Verducido
Por Redacción & Cristina Saiz
O encoro do Pontillón do Castro, en Verducido, acolleu este sábado a VII edición Trofeo Internacional Rías Baixas. A competición, organizada pola Federación Galega de Piragüismo é a última proba relevante do ano e está incluída no calendario oficial da Federación Internacional (ICF).
Da mesma forma que na anterior edición, o Trofeo Rías Baixas celebrouse en formato de medio maratón e con saídas graduadas. En total participaron 438 padexeiros pertencentes a 32 clubs, que se repartiron entre as categorías cadete, júnior, máster, sub-23 e sénior. Todas elas tanto masculinas como femininas.
A xornada comezou ás 9:30 horas cos deportistas máis novos, que tiveron que dar tres voltas ao encoro con dous porteos, o que supuxo un total de 7,5 quilómetros. En K-1 gañaron Antón Dourado (CP Illa de Arousa) e Natalia Moreira (EP Ciudad de Pontevedra), mentres que en C-1, foron Martín Expósito ( EP Ciudad de Pontevedra) e Lara Remigio (Breogán do Grove).
Acto seguido chegou a quenda dos júnior e máster e os seus catro voltas e tres porteos. Os primeiros en percorrer os 10 quilómetros da proba K-1 foron, en categoría xuvenil, David Pazos (CP Verducido- Pontillón) e Antía Landeira (Club Naval de Pontevedra). Antonio Polo (Piragüismo As Pontes) e María Rodríguez (Ría de Aldán) fixeron o propio na máster.
Pola súa banda, en xuvenil C-1 colgáronse en ouro Pedro Torrado ( As Torres-Romaría Vikinga) e Valeria Oliveira (Piragüismo Poio) e, en máster, David García (Kaiak Vigo).
O broche de ouro ao Trofeo puxérono os sub-23 e os sénior con 12,5 quilómetros por diante.
En sénior, o actual subcampión do mundo de maratón Iván Alonso Lage (Club Piragüismo Olívico), reivindicou o seu papel de favorito e subiuse ao primeiro caixón do podio ao ser o máis rápido en K-1. A mellor en mulleres foi Raquel Rodríguez (Cofradía Pescadores Portonovo).
O mundialista en Romanía, Fernando Busto ( As Torres-Romaría Vikinga), chegou en primeira posición en C-1 masculina. Na feminina, as internacinoales Jenifer Casal ( EP Ciudad de Pontevedra) e Carla Sieiro (Club Escola Piragüismo Poio-Conservas Pescamar) enfrontáronse nun man a man que se decidiu a favor da pontevedresa.
Finalmente, os gañadores nas categorías K-1 e C-1 Sub-23 foron Roi Carles (CP Verducido- Pontillón) e Lucía Valiña (Club Kaiak Tudense), e Jaime Duro ( EP Ciudad de Pontevedra) e Iria Romero (Club Náutico Pontecesures).
Aínda que a edición do Trofeo Internacional Rías Baixas estivo marcado polas medidas sanitarias, o espectáculo para despedir este ano repleto de éxitos estivo garantido.
Relacionadas:
-
Verducido, sede prioritaria un ano máis no calendario de competición da Federación Española de Piragüismo
Por Diego Espiño |
-
Tono Campos ou Sara Cortegoso, entre os novos deportistas que alcanzan o recoñecemento de 'alto nivel'
Por Diego Espiño |
-
Un convenio de case 225.000 euros para converter Pontevedra na casa do equipo nacional de kaiak feminino
Por Diego Espiño |
-
Homenaxe provincial aos pontevedreses medallistas no Mundial de piragüismo maratón de Romanía
Por Redacción |
-
Tono Campos e Diego Romero revalidan o título de campións do mundo e as 'Tanias' fanse coa prata
Por Almu Dapena | Creada e actualizada