Onde están agora os granates da última tempada?
Por Manu Otero
O curso 2020-2021 resultou ser un completo fracaso para o Pontevedra CF. Coa fichaxe de Charles, unida á continuidade do goleador Rufo, a inchada granate estaba ilusionada non só coa clasificación para 1ªRFEF, senón cun posible ascenso a Segunda. Pero o soño tornouse en pesadelo, o equipo caeu a Segunda RFEF e aínda que boa parte do persoal quedou para desfacer o agravio, moitos dos responsables voaron a outros portos.
Álvaro Cortés, Oier Calvillo e Charles foron as únicas fichaxes do pasado curso que seguen baixo a disciplina granate. Xunto a eles permanecen pesos pesados do vestiario como Víctor Vázquez, *Álex González, Rufo ou Romay xunto aos canteiráns Santi Figueroa, Pacheco, Iñaki, Martín Diz ou Fabio Grajales.
Con todo, moitos dos que fixeron as maletas triunfan agora nos seus respectivos equipos. É o caso de Imanol, un dos poucos que aínda se botan de menos en Pasarón, que é o mediocentro titular do Alcoyano de 1ªRFEF, co que protagonizo a xesta de eliminar ao Levante e que se enfrontará ao Real Madrid na próxima eliminatoria. O seu equipo ocupa a undéima posición no grupo B da categoría de bronce do fútbol español.
Un ao que lle cambiou a sorte é Óscar Fernández. O extremo non atopou o seu sitio en equipo pontevedrés e no verán uniuse ao Rácing Rioxa de 2ª RFEF, co que estaba a volver a gozar do fútbol. Xogou como titular as nove primeiras xornadas de liga, anotou dúas tantos e o seu equipo ocupaba as zonas máis altas da táboa, ata que se lesionou na vitoria contra o Mutilvera a principios de novembro. Desde entón permanence no dique seco.
Outro que recuperou o seu lugar no once foi o porteiro Mario Fernández, agora nas filas do Tropezón cántabro que milita tamén en 2ªRFEF. Aínda que o gardamallas perdeu catro xornadas por lesión, volveu ao once tras recuperarse, aínda que polo momento o seu equipo marcha último clasificado no grupo II. Da titularidade goza tamén.
Da titularidade goza tamén outro xogador que en Pasarón alternou aparicións no once con longas estancias no banco. Aitor Núñez é o lateral dereito do Navalcarnero, rival do equipo granate e único conxunto que deixou aos de Ángel Rodríguez sen anotar no que vai de liga. E iso que o exgranate estivo implicado nunha xogada que acabou en penalti a favor dos locais que Charles non acertou a transformar en gol.
Como visitante tamén regresou ao templo de Lérez Adrián Cruz. O mediocentro moañés viste agora as cores do Arenteiro, co que suma 15 partidos xogados, 12 deles como titular. Aínda que é certo que os de Carballiño comezaron a liga con bo pé, a punto estiveron de levar os tres puntos de Pasarón, agora están inmersos nun refacho de malos resultados e despedirán o ano en postos de descenso. Pol Bueso é outro que se desvinculou do Pontevedra o pasado verán e, aínda que segue sen equipo, estivo adestrando con este conxunto ourensán.
Na mesma categoría, pero no grupo V atópase Damiá Sabater. O mediocentro chegou a Pasarón no mercado de inverno para dar sentido ao xogo colectivo dun Pontevedra orfo de Manuel Romay. Aínda que mellorou o nivel dos granates, non terminou de convencer a Luisito e alternou titularidades e suplencias. No verán, o club decidiu non ampliar o seu contrato e fichou polo Eldense, co que suma 12 partidos, titular en todos eles menos nun. Os alacantinos marchan sextos, igualados a puntos co quinto debido a que dá acceso a xogar o playoff de ascenso.
Outro dos chegados no mercado invernal non está a ter tanta continuidade. Pitu, que debutou ás ordes de Jesús Ramos nada máis aterrar en Pontevedra, pasou ao ostracismo con Luisito ata as últimas xornadas de competición nas que o seu empeño en demostrar a súa valía abriulle as portas da titularidade. Con todo, en Badalona volve sufrir no banco. O extremo só participou en oito partidos, só un como titular. O seu equipo ocupa postos de promoción de descenso.
Un chanzo por encima do Pontevedra están o central Xisco Campos e o interior Jorge Fernández. Agora ás ordes de Yago Iglesias en Zamora, ambos os xogadores forman parte do sistema de rotación do técnico. O balear acumula sete encontros xogados, seis de titular, coa súa nova camiseta, mentres que o asturiano participou en doce, oito deles como titular.
En 1ªRFEF acumula tamén minutos o mediocentro Borja Martínez, agora nas filas do Castellón, conxunto recentemente descendido este ano desde Segunda División. Nesta histórica entidade, o canteirán do Atlético de Madrid leva disputados doce encontros, sendo titular na metade deles. O seu equipo ocupa a sexta posición, a oito puntos do líder, o Albacete, e a un punto dos postos de playoff.
Con todo, o que máis minutos de todos os exgranates suma é Eneko Zabaleta. O incombustible lateral que non puido ofrecer a súa mellor versión a pasada tempada defende agora as cores do Calahorra en 1ª RFEF. Eneko xogou como titular todos os partidos sendo só substituído nun deles. Ademais, a súa colaboración está a servir para manter aos seus lonxe dos postos de descenso, marchan décimo terceiros con nove puntos de vantaxe sobre a zona de perigo.
Pola contra, os dous inquilinos do banco granate o pasado curso, Jesús Ramos e Luisito, continúan sen equipo.