Poio dá luz verde á renovación do céspede artificial do campo da Reiboa
Por Redacción
A Comisión de Urbanismo do Concello de Poio acometeu na sesión deste martes a aprobación do expediente de tramitación do proxecto para a substitución do céspede do campo de fútbol da Reiboa, situado no lugar da Seca, na parroquia de San Xoán.
A concelleira de Deportes, Marga Caldas, lembra que esta actuación é moi necesaria, dado o estado de deterioro que presenta esta superficie e os problemas que padece o sistema de drenaxe, que fan que en época de chuvia se acumule moita auga na superficie. Caldas lembra que son moitos os equipos tanto séniors como de base que fan uso das instalacións para competir e adestrar, polo que “era preciso dar resposta á demanda de mellora existente”.
Os traballos acometeranse ao longo do vindeiro ano, unha vez que o proxecto sexa licitado. Trátase dunha actuación que comenzou a tramitarse neste 2021 e que figura no orzamento municipal aprobado xa inicialmente para o vindeiro exercicio. A contía destinada a estas tarefas ascenderá a uns 294.000 euros aproximadamente.
Na memoria técnica consta a dotación dunha nova superficie, de última xeración, que cumpre cos máximos requisitos de calidade establecidos pola FIFA. Asemade, a firma que resulte adxudicataria no proceso de licitación tamén deberá asumir outras tarefas como a posta a punto do sistema de drenaxe, a reparación do asfalto (a fin de garantir unha óptima escorrentía de augas, eliminado así as acumulacións pola chuvia) e a dotación de novas porterías, canóns de rego e bandeirolas para os córners.
Esta non é a única actuación de mellora que a Concellería de Deportes ten previsto desenvolver nesta zona. Neste sentido, Marga Caldas avanza que tamén existe unha previsión para proceder á reparación da contorna das pistas de atletismo, así como a adecentar os acesos.