Baño de ouro para os atletas do Mazi no autonómico máster de Ourense
Por Redacción
O campionato galego máster de pista cuberta celebrouse o 15 de xaneiro no pavillón de Expourense coa participación de cinco atletas da Agrupación de Atletismo Mazi de Vilagarcía. A expedición arousá regresou da capital termal con cinco medallas de ouro, unha de prata e outra de bronce.
Luís Cores proclamouse campión galego na categoría máster 65 tanto na disciplina de 60 metros lisos como na de salto de lonxitude. Pola súa banda, Leoncio Vidal foi o mellor no triplo salto para maiores de 50 anos e o segundo en salto de lonxitude.
Neste último grupo de idade, José Costa fíxose co ouro ao completar os 400 metros en primeiro lugar, mentres que nos 200 metros lisos foi sexto. Iso si, en ambas as probas logrou a súa mellor marca persoal.
Isidro Fernández coroouse campión galego máster 40 en lanzamento de peso, mentres que Andrés Deza acabou terceiro entre os maiores de 45 anos na proba de salto de lonxitude.
Durante este campionato celebrouse un control de triplo salto, onde Xoel Otero deu a outra boa noticia da fin de semana ao lograr superar por primeira vez os 14 metros en triplo salto. Unha marca de 14.06 m, que coloca ao atleta natural da Illa, no máis alto da clasificación nacional Sub 18 en pista cuberta. Posto no que tamén se atopa a sub 16 Celia Castro, que lidera o ranking nacional dos 600 metros lisos.