A falta de materiais paraliza as obras do campo de fútbol de Mirallos
Por Redacción
O alcalde de Moraña, José Cela, visitou este xoves o campo de fútbol de Mirallos para explicar os motivos polos cales a obra está parada desde hai un tempo e que teñen que ver coa situación actual que está a atravesar todo o sector da construción e da obra pública.
Tal e como explicou Cela a pé de obra, "este proxecto está parado por dous temas que a día de hoxe están afectando a todos os concellos e administracións: a crise de suministro de materiais e a brutal subida de prezos dos mesmos".
Cela recalca que a empresa comezou as obras derrubando as gradas e os vestiarios, pero a medida que a situación actual foi cambiando, "paralizou os traballos a expensas da subida dos prezos nos materiais, que facían inviable continuar coas condicións de meses atrás", explica o rexedor.
Desde ese momento, no goberno local "poñémonos mans á obra, mantendo reunións coa arquitecta e conversas constantes coa Secretaría Xeral do Deporte e a Consellería de Medio Ambiente, que son as administracións das que depende a contratación completa da obra".
De feito, o alcalde adiantou que de cara á próxima semana manterá unha reunión representantes da consellería e da empresa adxudicataria para abordar a situación e poder solventar a problemática, de tal maneira que se retomen as obras o antes posible.
Cela quixo transmitir "absoluta tranquilidade" á veciñanza porque "esta obra vaise facer e imos contar cun campo de fútbol renovado para o noso deporte base, pero non podemos ser alleos á realidade e temos que actuar tal e como son as circunstancias".
O alcalde recordou que este "enorme" incremento dos prezos dos materiais non só está afectando a moita obra pública que se atopa na mesma situación ca o campo de Mirallos, senón tamén a novas licitacións, que saen cos prezos da época da redacción dos proxectos (moi afastados dos actuais) e, polo tanto, quedan desertas.
Relacionadas:
-
O Concello de Moraña di que o campo de fútbol de Mirallos estará en funcionamento para a vindeira tempada
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña aproba o proxecto modificado do campo de fútbol de Mirallos, paso imprescindible para retomar as obras
Por Redacción |
-
O Concello de Moraña adxudicará a vindeira semana a humanización da Rúa 7, que terá prioridade peonil
Por Redacción |
-
Os campos de fútbol de herba natural, en perigo de extinción na comarca
Por Diego Espiño |