Asinan o protocolo imprescindible para a concesión e reforma da nave de deportes náuticos Corbaceiras
Por Manu Otero
Novo paso cara á mellora das instalacións da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra no peirao de Corbaceiras. O presidente da entidade, Óscar Ponte, asinou este mércores co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, o protocolo de colaboración entre ambas as institucións que é imprescindible para que Portos de Galicia faga oficial a concesión do edificio ao club pontevedrés.
Unha vez superado este trámite, que estiman telo solucionado no prazo máximo de dous meses, será o Concello o que active a maquinaria para redactar o proxecto, licitalo e conceder ao EPCP unha subvención polo importe do total das obras, debido a que debe ser o club, titular da concesión, o promotor dos traballos.
"Despois do estalido da pandemia, Portos abriu unha porta para a concesión. Hai dous anos que comezamos a falar co Concello para facer isto. É un paso importante", recoñeceu o dirixente do club, satisfeito por ver cada vez máis preto a solución á falta de espazos e deficiencias nas instalacións dun dos clubs con máis deportistas e mellores resultados de Pontevedra.
Ponte non quere marcarse prazos, pero Lores asegurou que a tramitación da obra completarase neste ano. "Nós xa temos a memoria, habería que contratar o proxecto técnico e logo sacar a licitación cunha modificación de crédito seguramente ao longo deste ano", sostén o rexedor, consciente de que xestionar un proxecto entre tres administracións "sempre é complicado".
O protocolo asinado entre EPCP e Concello supón o compromiso da institución municipal de elaborar o proxecto e dar unha subvención ao club para executar as obras. Está a valorarse ademais "unha posible ampliacion da nave, que está en condicions lamentables", recoñece o rexedor. Pola súa banda, Portos de Galicia xa ratificou o seu compromiso de conceder o uso desta instalación porturaria ao equipo pontevedrés polo prazo de 35 anos.
O mandatario nacionalista mostrouse moi contento por poder mellorar a instalacións dun club que é referencia no piragüismo nacional e celebra que, unha vez feito realidade este proxecto, todos os clubs de piragüismo da cidade xa van ter unhas instalacións adecuadas. "O Naval xa ten a súa propia instalación, o Verducido está no Pontillón e o Ponte Sampaio e o Ría de Pontevedra tamén teñen", celebra Lores, orgulloso da saúde do deporte pontevedrés. "Sáennos clubs de debaixo das pedras", chanceou, para pechar un acto no que estivo tamén presente o concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Tino Fernández.
Relacionadas:
-
A EP Ciudad de Pontevedra denuncia un novo episodio vandálico soltando e deixando á deriva unha das súas embarcacións neumáticas
Por Diego Espiño |
-
A EP Ciudad de Pontevedra organiza unha dobre xornada de Dragon Boat no río Lérez
Por Redacción |
-
Impulso ao proxecto de reforma integral da nave de deportes náuticos das Corbaceiras
Por Diego Espiño |
-
A Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra denuncia un dobre episodio vandálico nas súas instalacións
Por Diego Espiño |