Poio prevé o investimento de máis de 700.000 euros en infraestruturas deportivas durante 2022
Por Redacción
A edil de Deportes de Poio, Marga Caldas, deu conta no recente Consello Municipal de Deportes da previsión de actuacións, axudas e actividades que levarán a cabo ao longo do ano por parte do seu departamento durante 2022.
No encontro, ao que acudiron representes e dirixentes de entidades deportivas e tamén de diversas agrupacións, tamén se fixo un balance das xestións realizadas ao longo do pasado ano.
Entre as cuestións destacadas por Caldas atópase o investimento previsto de algo máis 720.000 euros en infraestruturas deportivas, con proxectos de "gran relevancia" como a mellora das pistas de tenis de Monte Baldío en Raxó ou a renovación do céspede sintético do campo de fútbol da Reiboa. Trátase das actuacións que concentran un maior orzamento, pero tamén se lle suma a creación dun parque de calistenia en Lourido cun custo de 23.800 euros e a dotación de material para a nave de piragüismo situada no porto de Combarro.
A titular de Deportes tamén informou os presentes de que no orzamento municipal figura unha achega de 38.000 euros para a organización de eventos deportivos ou de 58.000 euros para o deporte de base.
"A nosa aposta por inculcar hábitos saudables e fomentar a práctica deportiva nas nosas crianzas mantense firme", defendeu Marga Caldas lembrando que esta tempada as escolas deportivas municipais contan con máis de 500 rexistrados entre as diferentes modalidades ofertadas.