Pontevedra será sede no 2023 dos nacionais de ximnasia acrobática e trampolín
Por Manu Otero
Unha reunión a tres bandas entre o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os presidentes das federacións española e galega de ximnasia, Jesús Carballo e Jose Manuel Estévez, bastou para nomear á cidade do Lérez como sede dos campionatos de España de ximnasia acrobática e trampolín do ano 2023.
Coa presenza da directiva do club Treboada, club que asumirá a organización do evento, o encontro produciuse para sondar a posibilidade de organizar algún campionato destas disciplinas na cidade. Despois dunha rápida consulta cos técnicos municipais, "decidimos facelos", resumiu o rexedor.
Aínda non hai data nin lugar para estes campionatos, pero a intención de todas as partes é realizalos en dúas fins de semana consecutivas. E dado que haberá que montar unha instalación específica, Carballo suxeriu a posibilidade de realizar unha concentración da selección española, que nesas datas estará a preparar o seu asalto aos Xogos Olímpicos, entre semana.
Estudará o Concello nas próximas datas cal será o lugar ideal para albergar estes dous eventos. Recoñece Lores que para o de ximnasia acrobática podería servir o Pavillón Municipal, pero non para o de trampolín, que esixe teitos máis altos, polo que a opción preferida é o recinto feiral.
En calquera caso, a celebración destes dous campionatos supoñerá a chegada á capital duns 800 deportistas nun ano clasificatorio para París 2024 no que o trampolín volverá ser modalidade olímpica, polo que os ximnastas estarán en plena forma. "Serán dous grandes eventos", asegura o presidente da Federación Española de Ximnasia.
O seu homólogo autonómico, pola súa banda, quixo poñer en valor o potencial de Galicia nestas dúas disciplinas. "Somos a comunidade que máis nenos e meniñas leva aos campionatos de España", presume Estévez da base dun deporte no que brillan ximnastas como Melania Rodríguez, que segue metida na carreira por estar dentro de dous anos na capital francesa.
Relacionadas:
-
Pontevedra será capital da ximnasia española durante a segunda quincena de xuño
Por Almu Dapena |
-
VÍDEO.- Melania Rodríguez bate o récord mundial de dobre minitramp cun espectacular salto na Copa do Mundo de Rimini
Por Diego Espiño |
-
Melania Rodríguez, bronce no Mundial de Ximnasia Trampolín de Bakú
Por Redacción |
-
Pablo Hinójar volve facerse cargo da selección española de ximnasia acrobática
Por Manu Otero |