O Nacional Máster de Natación supera as expectativas e contará en Pontevedra con 1.253 deportistas de 161 clubs
Por Diego Espiño
O XXVII Campionato de España Open de Inverno de Natación Máster quenta motores para a súa primeira edición con programación completa tras a pandemia, que terá lugar na piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños, en Pontevedra, do 3 ao 6 de marzo.
Será como pechar un círculo, pois a última vez que o campionato se puido completar sen restricións foi en 2019 tamén en Pontevedra. Tres anos despois as ganas dos deportistas máster de volver poñerse a proba notouse na inscrición para a cita, que supera os números dese 2019.
"Estamos en cifras récord" recoñeceu na presentación oficial do evento, que tivo lugar este xoves no Concello, o presidente da Real Federación Española de Natación, Fernando Carpena. En concreto serán 1.253 os participantes de todas as idades que entrarán en competición, pertencentes a 161 clubs de toda a xeografía nacional pero tamén de Portugal.
Neste campionato nacional "hay un componente competitivo pero sobre todo lo que hay es un mensaje de salud con la práctica deportiva", defendeu Carpena acompañado do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o edil de Deportes, Tino Fernández; a presidenta do Club Natación Galaico, Amparo Porta; e Héctor Vilariño, representante da Fundación Rías do Sur.
Trátase dun evento deportivo no que "participa motísima xente" lembrou pola súa banda Fernández Lores sobre unha competición deportiva considerada como atractiva polo número de persoas que atrae á cidade entre deportistas e familiares. Será ademais o primeiro gran campionato de natación que se organizará na cidade tras a pandemia, pero "a partir de agora seguiremos celebrando eventos na piscina olímpica", confirmou o alcalde.
Lores destacou tamén a circunstancia de que a partir da segunda xornada do campionato, o 4 de marzo, poderase celebrar sen ningún tipo de restrición de aforo tras as decisións tomadas polo Comité Clínico da Xunta de Galicia respecto diso.
Relacionadas:
-
O Nacional Master de Natación de Inverno, unha competición coa que Rías do Sur pecha o círculo
Por Diego Espiño |
-
Catro récords de Europa e 69 de España no Campionato de España máster celebrado en Ponte Muíños
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O ex ferroviario de 95 anos que aprendeu a nadar xa xubilado e gaña medallas alá onde vai
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Nacional de Inverno Máster de Natación regresa a Pontevedra en busca da normalidade
Por Redacción |