O Pontevedra xuvenil gaña un duelo clave pero exponse a unha denuncia por aliñación indebida
Por Diego Espiño
Por segunda vez esta tempada todo apunta a que o Pontevedra Club de Fútbol xuvenil, que milita na División de Honra, perderá nos despachos o que gañara sobre o terreo de xogo.
O conxunto granate, que nas últimas semanas con David Montes á fronte do equipo conseguira encadear unha dinámica positiva que lle achegaba ao obxectivo da permanencia na máxima categoría, enfrontábase este xoves a domicilio ao Ural nun duelo clave para a salvación aprazado no seu día pola covid.
No verde o Pontevedra impúxose por 0 goles a 1 cun tanto de Fraga no minuto 14 de xogo, pero o duelo xa estaba condicionado por un grave erro no conxunto de Pasarón ao aliñar na súa formación inicial a un xogador que se atopaba sancionado por acumulación de amoestacións.
"Desde o principio sabiamos que o Pontevedra xogou cun xogador que tiña cinco tarxetas. O partido estaba condicionado por iso. A federación daranos o partido por gando 3-0, un erro pola súa banda", sinalaba o adestrador do Ural, Miguel Corral, á conta de twitter especializada na categoría Juvenil División de Honor.
Pola súa banda David Montes recoñecía a situación: "Temos un xogador sancionado, agora imaxínome que o Ural reclamará o partido e a ver que pasa. Para nós eran tres puntos vitais que nos sacaban do descenso, poñíannos un punto por encima, pero bo non queda outra que seguir".
El POSTPARTIDO DE DAVID MONTES
— Juvenil División de Honor (@JuvenilDH) March 10, 2022
"Tenemos un jugador sancionado e imagino que el Ural reclamará "
El entrenador del @PontevedraCFSAD hace la valoración del partido ante @UralEspanol
@DassFigueiras#Sempreverdes #HayQueRoelo #JuvenilDH#DH1 pic.twitter.com/Bt0RMilPiQ
De feito coa vitoria, a falta da resolución do Comité de Competición ante a máis que probable reclamación, o Pontevedra sae dos postos de descenso con 21 puntos, empatado co primeiro equipo que baixaría, o Arenal.
Os granates xa foran desposuídos do punto conseguido fronte ao Pabellón de Ourense en novembro, naquel caso por permanecer durante uns segundos sobre o terreo de xogo con só seis xogadores con licenza A, do seu primeiro equipo xuvenil, unha menos das obrigatorias.