Achega de 30.000 euros do Concello para o primeiro equipo do Poio Pescamar
Por Redacción
O Concello de Poio e o Poio Pescamar rubricaron este xoves o convenio de colaboración para axudar desde a institución pública ao primeiro equipo vermello, que milita na máxima categoría do fútbol sala feminino nacional.
En concreto a subvención que recibirá a entidade deportiva será de 30.000 euros, segundo confirmou o Concello tras o encontro entre a edil de Deportes, Marga Caldas, e o presidente do club, Juanjo García.
Esta achega súmase aos 11.500 euros que percibe o Poio Pescamar para as súas categorías inferiores, nas que xogan máis dun centenar de nenas e nenos de todas as idades.
Caldas afirmou que a través destes convenios o Concello reafirma a súa aposta polo deporte, destacando do Poio Pescamar "o gran traballo que está realizar a todos os niveis e que o levou a consolidarse dentro da elite do fútbol sala feminino".