O Pontevedra quere reivindicarse ante o seu público no partido contra o Bergantiños
Por Ramiro Espiño
Mañá chuviosa no campo de Príncipe Felipe, escenario escollido para realizar o último adestramento previo ao partido de mañá, domingo (17,00 horas), fronte ao Bergantiños, co fin de preservar o cesped de Pasarón nas mellores condicións posibles. Unha sesión intensa na que os xogadores granates se empregaron a fondo, ansiosos por reivindicarse ante o seu público e deixar atrás o mal sabor de boca provocado pola mala actuación da xornada anterior en Barbadás.
Durante case dúas horas o técnico, Milo Abelleira, someteu os seus homes a un traballo concentrado en aspectos tácticos, con diversas accións realizadas sempre en espazos reducidos, co fin de mellorar a intensidade na presión ao contrario e a saída de balón, alternando co ensaio de xogadas de estratexia tanto ofensivas como defensivas.
Na sesión participou con toda normalidade o central Sestelo, provisto da súa aparatosa máscara de protección. Sestelo tivo que soportar as bromas dos seus compañeiros cada vez que golpeaba o balón coa cabeza, pero non mostrou o máis mínimo problema ao facelo, mesmo prestou a súa máscara ao porteiro, Sergio LLoves, que foi quen fixo a broma de presentarse primeiro no adestramento con ela posta.
Ao termo do adestramento Sestelo estivo a falar co médico do club, Alberto Domínguez, quen rematou de axustarlle correctamente a protección sobre o mesmo cesped, para que non teña o máis mínimo problema de visibilidade. Aínda así, polo visto no ensaio, todo apunta a que Milo reservará ao central deixándoo inicialmente no banco.
O estado de Tubo condiciona a aliñación e a convocatoria
A dúbida céntrase no estado de Tubo, que iniciou a sesión realizando traballo físico con Fran Comesaña, para logo incorporarse ao grupo e participar con normalidade. O xogador manifestaba PontevedraViva que se encontrara ben, que non notara molestias da súa lumbalxia, despois de dous días a tratamento con antiinflamatorios, a pesar do cal Milo quere ser cauto en previsión dunha posible recaída.
Precisamente o estado de Tubo fixo que o técnico decidise convocar 17 xogadores, polo que terá que descartar un no mesmo vestiario, antes do partido.
Con respecto ao probable once inicial, polo visto no adestramento e ante a baixa por sanción de Jacobo, máis a alta de Iago Paz, é previsible que haxa cambios, aínda que menos dos que parecían anunciar as palabras dun enfadado Milo tras o choque fronte ao Barbadás. Así, Pacheco podería ocupar o lateral dereito, pasando Cristóbal Juncal e posición máis adiantada, pero pola banda esquerda, entrando Fran Fandiño na banda dereita, en lugar de Tubo.
Así as cousas, o equipo titular pode ser: LLoves; Pacheco, Yago Vázquez, Pablo, Adrián Gómez; Fran Fandiño, Iago Paz, Moisés Pereiro, Cristóbal Juncal; Stefan e Santi Domínguez, completando a convocatoria: Lorenzo, Nano, Sestelo, Breogán Pereiro, Tubo e Richi.
O árbitro do partido será o ferrolano David Brito Regadera.