Un convenio de 6.000 euros para seguir a fomentar o fútbol base e integrador en Barro
Por Redacción
O alcalde de Barro, Xose Manuel Fernández Abraldes, recibiu na tarde do martes a José Sanmartín e Eva paredes, presidente e tesoureira do Barro CF, para asinar a renovación do convenio anual de colaboración entre ambas entidades.
Con este convenio, o Concello aportaralle ao equipo de fútbol do municipio a cantidade de 6.000 euros para contribuír ao seu funcionamento e desenvolvemento, mentres que a entidade deportiva comprométese pola súa parte a promover a participación de todas as nenas e nenos de Barro que queiran practicar tanto o fútbol 11 como o fútbol sala.
O rexedor agradeceulle ao Barro CF o seu bo traballo a prol da dinamización e da formación deportiva que realizan no concello, así como que lle deran unha boa acollida a un rapaz refuxiado da guerra en Ucraína tal e como
lles pediu cando se enterou de que se instaría en Barro coa súa familia e que unha das súas afeccións era xogar ao fútbol.
Desde a Directiva do Barro CF amosaron a súa gratitude ao concello de Barro pola súa total colaboración e disposición en todos os ámbitos, sobre todo por mellorar as instalacións deportivas coa adquisición dun marcador deportivo, de porterías de adestramento e outros materiais.