O Criterium de Primavera Concello de Pontevedra, unha proba que "inaugurará a normalidade no atletismo"
Por Redacción
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva será escenario o vindeiro venres 22 de abril dunha das primeiras competicións atléticas que se desenvolverá con normalidade absoluta tras a pandemia.
Trátase do Criterium de Primavera Concello de Pontevedra organizado polo Club Atletismo Rías Baixas.
"Énchenos de satisfacción que todos poidan competir e que non teñamos que restrinxir a participación a ninguén. Todos os que se inscribiron van competir", asegura o presidente do club atlético, Gonzalo Méndez convencido de que "se o tempo acompaña imos vivir unha xornada moi bonita inaugurando a normalidade no atletismo".
O evento contará con ao redor de 300 deportistas, sobre todo das categorías sub-16 e sub-18 pero tamén doutras idades.
"Aquí van estar varios dos mellores atletas de España" sinalou á súa vez o edil de Deportes, Tino Fernández, en referencia a nomes como Jacobo Soler, Mauro Triana, David Vicente ou Celia Castro, atleta da Agrupación Atlética Mazí de Vilagarcía recentemente proclamada campioa de España de 600 metros en categoría cadete.
A competición desenvolverase entre as 18.30 e as 21.15 horas.