O rugby de base de Galicia deixa atrás a covid cunha concentración en Pontevedra
Por Redacción
O Pontevedra Rugby Club pecha o círculo da pandemia, e faino cunha actividade que lle fai especial ilusión, a de organizar a primeira concentración post-covid de Escolas de Galicia.
Esta actividade de base tívose que suspender hai dous anos polo coronavirus, e agora recupérase en Pontevedra cunha xornada que reunirá a preto de 200 deportistas de catro categorías (6-8-10-12 anos).
Será, asegura o club pontevedrés, unha xornada de festa e diversión ao redor do deporte que terá lugar na Xunqueira con ata cinco campos de xogo e zona lúdica para os máis pequenos.
Ademais a concentración contará coa presenza como padriño de Mario Copetti Fanlo, seleccionador español de rugby praia e seleccionador da Federación Catalá de Rugby, que impartirá unha xornada de formación para adestradores e tamén para a escola municipal de rugby.