Os usuarios da piscina de Campolongo estrean un dispositivo que mide o seu rendemento e garante a súa seguridade
Por Manu Otero
A piscina do complexo deportivo de Campolongo foi escenario este luns da presentación dun avance tecnolóxico pioneiro en España. BeOne, empresa concesionaria do ximnasio e a piscina, pon ao dispor dos seus usuarios de forma gratuíta un dispositivo que mide en tempo real o rendemento dos nadadores á vez que os mantén xeolocalizados e conectados a través dun sistema de alarma cos socorristas para garantir a súa seguridade.
"Dentro do proceso de dixitalización que estamos a facer na compañía, decidimos implementar esta ferramenta baseada na intelixencia artificial para dar servizo a área acuática dos nosos centros, que era unha área que ata o de agora non tiña ningunha ferramenta tecnolóxica que nos axudase a mellorar a experiencia dos nosos clientes e grazas a Nagi (nome do sistema implementado), descubrimos un sistema moi interesante", explica o xerente de BeOne, Roberto Ramos.
O novo sistema conta cunha dobre funcionalidade. Por unha banda, mantén xeolocalizados a todos os nadadores co obxectivo de detectar afundimentos. Se isto ocorre, o dispositivo xera unha alarma no reloxo que leva cada un dos socorristas da piscina.
Doutra banda, "damos a todos os nadadores toda a información sobre os metros que nadan, a distancia percorrida, as distancias media, a velocidade media... Todo isto recíbeno a través da aplicación de BeOne que teñen nos seus teléfonos ou ordenadores para ter toda a información dos adestramentos realizados", explica o dirixente, moi satisfeito porque supón "un salto cualitativo".
Este dispositivo funciona dunha forma similar ás da área de seco, na que o sistema xa leva tempo en funcionamento. Ademais, trátase dun servizo gratuíto do que poderán facer uso os preto de 7.000 usuarios cos que conta o centro.
Nagi, que se atopa aínda en fase de optimización, trátase dun sistema que se testa unicamente en Campolongo e "a partir de aquí implantarémolo no resto de instalacións do territorio nacional", detallou Ramos. En España, cóntanse cos dedos dunha man as instalacións deportivas que contan cun sistema destas características, pero o de Campolongo é completamente novo, pois incorpora un sistema de pantallas na propia piscina na que se poden consultar en directo todos os resultados.
"Supón unha mellora na calidade do servizo que se ofrece. Estamos moi satisfeitos de que BeOne elixira Pontevedra como primeira piscina de Galicia para probar este servizo. Agradecemos o esforzo que fai a concesionaria por poñer ás piscinas de Pontevedra na culmen das piscinas de Galicia e España", rematou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que tamén coñeceu de primeira man o funcionamento do sistema Nagi.
Relacionadas:
-
O ximnasio de Campolongo avanza cara á autosuficiencia enerxética con 66 paneis solares novos
Por Redacción |
-
BeOne solicita subir un 2,5% as tarifas aos usuarios do ximnasio e as piscinas de Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
A concesionaria do centro deportivo de Campolongo leva o Concello ante os tribunais
Por Alejandro Espiño |
-
O ximnasio de Campolongo reabre as súas portas o 22 de xuño
Por Redacción |
-
As novas piscinas de Campolongo abrirán ao público o 1 de outubro tras 6 meses de reforma
Por Redacción |