O Viajes Interrías dá o salto ao terceiro banzo do fútbol feminino estatal
Por Redacción
O Viajes Interrías remata a tempada como segundo clasificado e consegue o ascenso desde a Primeira Nacional á nova Terceira División RFEF do fútbol estatal. O cadro sanxenxino acompañará nesta nova categoría ao PM Friol, que rematou a liga en primeira posición.
Non foi un obxectivo fácil de acadar. As de Vilalonga sufriron moito este pasado domingo ante o Versalles, pero foron quen de salvar o punto (2-2) que necesitaban para conseguir a súa meta nun partido ao que acudiron máis de 600 espectadores.
Tanto o PM Friol como o Viajes Interrías competirán a vindeira tempada na Terceira División da RFEF, unha nova categoría nacional situada no terceiro chanzo da estrutura estatal do fútbol feminino, por debaixo do Reto Iberdrola. Esta división estará partida en dous grupos de entre 14 e 16 equipos do norte e do sur de España.
Así, o equipo de Lugo e o de Sanxenxo estarán entre os 60 mellores clubs estatais de fútbol feminino, xusto por debaixo dos militantes da Liga Iberdrola e Reto Iberdrola.