O Waterpolo Pontevedra recibe o apoio das institucións para afrontar o playoff de ascenso a Primeira
Por Redacción
Este sábado, ás 19 horas, o equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra afronta o partido de ida da fase final de ascenso a Primeira Nacional contra o CW Murcia na piscina da Escola Naval Militar de Marín.
E para encarar esta histórica e transcendental eliminatoria, os representantes de todas as institucións presentes na cidade participaron nunha recepción ás xogadoras, técnicos e directivos do equipo lerezano no Concello de Pontevedra. Encabezados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, desexaron sorte ás xogadoras o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o delegado de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; e o comandante director da Escola Naval de Marín, Pedro Cardona Suances.
O encargado de iniciar a presentación foi o titular municipal de Deportes quen quixo "animar" ao equipo ante "unha oportunidade de ascender", sinalou Fernández quen falou de "orgullo dobre" ante a posibilidade de alcanzar o éxito dun equipo pontevedrés e feminino.
Nun sentido similar pronunciouse Benavides, que fixo fincapé no "mérito" do equipo para sobrepoñerse ás dificultades de toda a tempada, marcada principalmente polo peche da piscina de Rías do Sur, que trastornou os plans de adestramento de toda a estrutura do club.
Por parte da Deputación, Gorka Gómez felicitou ao equipo por clasificarse para a fase de ascenso e reflexionou acerca da necesidade de apostar polo deporte feminino e desde a institucións promover políticas activas de igualdade que contribúan a reducir a brecha salarial e de atención mediática que segue padecendo o deporte feminino.
De satisfacción por albergar un partido de fase de ascenso falou o comandante Cardona, quen, en nome da Escola Naval Militar, detallou as razóns polas que a Marina aceptou de bo grado organizar o partido do sábado. "Traballamos por e para a cidadanía, temos un compromiso co deporte feminino e gústanos a idea de que o Waterpolo Pontevedra xogue en casa con ata 300 espectadores nas bancadas", argumentou o dirixente.
Para enxalzar o traballo do equipo tomou a palabra o presidente do club José Tellería, quen se mostrou orgulloso de alcanzar o obxectivo de disputar unha fase de ascenso na que ve ás xogadoras con "nivel para competir". Ademais, as xogadoras fixeron gala durante toda a tempada da súa profesionalidade ao cumprir cunha cambiante axenda de adestramentos que incluía, unha vez por semana, un desprazamento a Ourense para practicar coas integrantes do CW Pavillón Ourense, club co que o cadro pontevedrés ha fusionado o seu equipo sénior feminino.
Pechou o acto o rexedor pontevedrés para puntualizar que "se gañades, ben; e senón tamén ben porque o intentastes". Rematou Fernández Lores dicindo que "cando hai dificultades é cando sae a relucir a forza da xente" e desexando a mellor das sortes a un equipo que, " xunto a outros tres ou catro equipos da cidade", está en disposición de conseguir un histórico ascenso.
Relacionadas:
-
O Waterpolo Pontevedra xa é equipo de Primeira Nacional (4-17)
Por Almu Dapena |
-
O Waterpolo Pontevedra asina un partido brillante contra o Murcia e encarrila o ascenso a Primeira Nacional (20-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Waterpolo Pontevedra toma vantaxe na final pola liga galega feminina absoluta
Por Redacción |