Perdoa o Arosa e cae (1-0) no último minuto na casa do Cultural Areas
Por Redacción
Cumpriuse a máxima futbolística de que o que perdoa paga. Fíxoo o Arosa que dispuxo de ocasións moi claras para levarse o triunfo, especialmente na primeira parte, para rematar perdendo, de novo no último suspiro, cun gol de Carlos Pereira, protestado polos arlequinados, que pediron fóra de xogo no remate previo de David Domínguez.
As máis claras ocasións do partido foron para os visitantes. Nando puido adiantar os de Piscis ata en tres oportunidades, pero a mellor foi para Eloy Fariña, que estrelou un disparo no longueiro no minuto 69.
O Areas foise arriba na recta final do partido e encontrou o seu premio a falta dun minuto para a conclusión nunha falta lateral que rematou de cabeza David Domínguez, rexeitou Álex Vila, pero Carlos Pereira aproveitou para marcar dende preto.
O tempo engadido decretado polo colexiado foi tenso e polémico. Cinco minutos que viron como tres xogadores resultaban expulsados, Damián e Fonseca polo Areas e Jesu polo Arosa. Os nervios seguiron ata a retirada a vestiarios, con enfrontamentos e discusións entre os protagonistas.
CULTURAL AREAS (1): Vitas; Damián, Brais (Samuel, min. 57), Costas, Sito, Fonseca, Couso (Carlos Pereira, min. 66), Cañi (Hugo, min. 83), David Domínguez, Juan Feijóo e Jose Arenas.
AROSA, S.C. (0): Álex Vila, Santi, Álex Freire, Martín, Alfonso, Munín, Jesu, Vixo, Eloy (Hugo, min. 83), Nando e Ramón (José Ángel, min. 67).
Árbitro: Martínez Vila (Ourense). Expulsou con vermello directo a Fonseca no minuto 92, e a Damián no 94, ambos os dous do Areas. Igualmente expulsou por dobre amoestación a Jesu, do Arosa, no minuto 93.Además, amoestou a José Arenas, Brais, Cañi, Hugo, Juan Feijoo e Couso, polo Areas, e a Álex Freire, Hugo e Martín, polo Arosa.
Goles: (1-0) Minuto 89: Carlos Pereira.
Incidencias: Campo da Lomba (Areas). Uns 200 afeccionados