O pivote do Cisne Dani Virulegio xogará no Valladolid a próxima tempada
Por Redacción
O prometedor pivote Dani Virulegio deixará de defender a elástica do Cisne a próxima tempada. A súa fichaxe polo Atlético Valladolid xa é oficial, aínda que non se incorporará á disciplina do cadro valisoletano ata o próximo curso.
O internacional xuvenil Dani Virulegio destacou esta tempada e a anterior no conxunto branco, con todo leva varias semanas apartado dos adestramentos por unha rotura de peroné que o manterá fóra dos terreos de xogo ata a próxima campaña.
Con esta fichaxe, o pivote asegúrase o salto á liga Asobal. Algo que o seu aínda actual equipo está tamén a piques de conseguir. Non é o único logro que figurará no palmarés de Virulegio, quen xa sabe o que é conseguir unha medalla de bronce no Europeo xuvenil coa selección que dirixe Javier Fernández, Jabato, o seu actual adestrador no Cisne.
A marcha de Virulegio únese á perda doutro baluarte cisneísta para a próxima campaña. O central Álvaro Preciado comprometeuse tamén co BM Logroño A Rioxa.
Virulegio iniciou a súa carreira deportiva na SAR de Redondela, incorporándose ao Club Cisne no ano 2018, na categoría cadete, onde xa destacaba pola súa altura e calidade técnica, no posto de pivote. Co equipo senior debutou na tempada 2019/20, na Copa do Rey, fronte á SD Teucro e na tempada 2020/21, en idade xuvenil, debuta na liga Asobal, na partida fronte ao FC Barcelona, para posteriormente xogar un total de 8 partidos.