A carreira Ponle Freno regresa a Pontevedra cun novo circuíto pola Xunqueira de Alba
Por Manu Otero
"Correr polo centro de Pontevedra é como para un Fórmula 1 correr en Montecarlo, é moi difícil adiantar", declarou o campión do mundo de maratón Martín Fiz para explicar os motivos do cambio de trazado da cuarta edición da carreira Ponle Freno, que se presentou este mércores no Concello e que terá lugar na Boa Vila o próximo 18 de xuño ás 21.30 horas.
Como é habitual, a saída e meta desta carreira solidaria coa asociación Aesleme (Asociación para o Estudo da Lesión Medular Espinal) estará na Praza de España. Pero logo os corredores desprazaranse ata a Xunqueira de Alba, por onde trascurrirá a maior parte do circuito.
O prazo de inscrición na proba manterase aberto ata o 17 de xuño e a cota, de 5 euros, será doada integramente ao colectivo de afectados por lesións medulares. Ademais os participantes poden elixir participar na proba de 5 ou de 10 quilómetros. Do mesmo xeito, aquelas persoas que non poidan acudir á carreira, teñen a opción de realizar doazóns para a causa.
"Nas cidades o rei ten que ser o peón", comezou o alcalde do Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o seu discurso de presentación da carreira, no que animou aos rexedores para tomar decisións políticas para reducir e acougar o tráfico e contribuír a erradicar os accidentes mortais en zonas urbanas.
Precisamente o feito de que na capital do Lérez non se produza un atropelo mortal desde o 2011, converte á Boa Vila na "cidade emblemática da seguridade viaria", engadiu Iñaki Lerma, representante da Fundación Axa. "Este circuíto de carreiras existe para tentar salvar vidas, coa recadación e coa concienciación na importancia da seguridade viaria", sinalou tamén Natalia Rico, responsable de comunicación de Ponle Freno.
En representación de Aesleme participou Basilio González, vítima dun accidente de tráfico que o deixou en cadeira de rodas hai 40 anos. "As consecuencias sociais, laborais e familiares dun accidente de tráfico son brutais", dixo para subliñar o importante que é a educación para "crear hábitos de conciencia en seguridade viaria desde idades temperás". Neste sentido, González quixo poñer en valor a aposta realizada por Pontevedra para combater este tipo de sucesos, "é un exemplo para seguir", díxolle a Lores.
No carácter saudable da proba fixo fincapé o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, ao recoñecer que a carreira "vai máis aló do deportivo e o deporte é un elemento de saúde, que é o máis importante que temos".
Finalmente, o atleta español campión do mundo de maratón Martín Fiz, que repetirá por cuarto ano como participante na edición pontevedresa da carreira Ponle Freno, anima a todo o mundo a participar na competición. Nun ton de broma, destacou tamén a aposta do goberno local por dar preferencia aos peóns sobre os vehículos de motor e na redución da velocidade como medida fundamental para reducir a taxa de mortalidade en accidentes. Unha velocidade reducida que se compromete a cumprir durante a carreira. "Cando fun campión do mundo corrín a máis de 20 quilómetros por hora, pero vou facer caso ao alcalde e polo centro da cidade non irei a máis de 6 quilómetros por hora", concluíu entre risas.
Relacionadas:
-
A carreira Ponle Freno desembarca en Pontevedra para axudar ás vítimas de accidentes de tráfico
Por Redacción & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
O circuíto de carreiras Ponle Freno volverá facer escala en Pontevedra o 18 de xuño
Por Redacción |
-
Pontevedra e a carreira Ponle Freno pola seguridade viaria volven ir da man en formato virtual
Por Redacción |