A piscina do CGTD acolle este sábado o campionato galego infantil mixto de waterpolo
Por Redacción
O Club Waterpolo Pontevedra presentou este mércores o campionato galego de waterpolo infantil mixto de verán, que terá lugar o sábado 18 na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
Unha vez máis será o CW Pontevedra é o encargado da organización deste tipo de campionatos, ao longo do curso asumiron esta función en sete das doce citas autonómcias.
Este evento contará coa participación de sete equipos, que xogarán en formato de copa desde cuartos de final. Debido ao número impar de participantes, un deles pasa directamente a semifinais, que o sorteo determinou que o afortunado sexa o CW Santiago Feminino.
Os partidos comezarán ás 10 horas, co duelo entre o campión e o subcampión da liga Galega Infantil: CW Pontevedra – Club Mariña Ferrol. O programa contempla unha decena de partidos e a final está prevista para as 18.15 horas.
Este campionato servirá ao equipo pontevedrés como preparación para o Campionato de España Infantil de Waterpolo que disputará en Málaga do 23 ao 26 de xuño.
Doutra banda, a escuadra lerezana, co obxectivo de continuar potenciando o waterpolo feminino en Pontevedra, pon en marcha un campus de iniciación para nenas nadas entre 2008 e 2012. Será un campus exclusivamente feminino, gratuíto e coa colaboración das xogadoras do club pontevedrés que recentemente lograron o histórico ascenso a Primeira División Nacional Feminina.
A actividade levarase a cabo na piscina do Centro Deportivo Municipal de Campolongo ( BeOne), desde o luns 27 de xuño ata o venres 1 de xullo, en horario de 16 a 17 horas.
O único requisito para inscribirse é que a nena saiba nadar sen dificultade. As interesadas en participar deberán cubrir a ficha de inscrición dispoñible na web do CW Pontevedra (waterpolopontevedra.com) e enviala a info@waterpolopontevedra.com antes do 24 de xuño.