César Sanmamed replica con dureza a Fredi Bea e acúsao de mentira e manipulación
Por Ramiro Espiño
A longa e dura misiva remitida por Fredi Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo contra o seu antecesor no cargo, Tito Valledor, así como cara a Santiago Sanmamed Lora, aproveitando unha sentenza xudicial sobre o despedimento do fillo deste, fixo estalar a César Sanmamed Lamas, que lanza unha réplica non menos longa e dura, continuando coa escalada de acusacións cruzadas entre dous grupos irreconciliables que seguen enfrontando ao piragüismo galego.
Como fixemos coa carta de Bea, transcribimos integramente a continuación a resposta de Sanmamed Lamas, nunha carta que fará chegar aos membros da asemblea galega:
"Queridos amigos, vouvos relatar o máis breve posible un conto que seguro que vos interesará:
O meu sentimento é o dunha galiña (con ovos de ouro) humillada, traizoada, utilizada, coaccionada, ameazada e mentida por un "trío de personaxes moi especial". Todo comezou cando un nadal, D. José González Vicente, máis coñecido como "Chili", daquela novo vicepresidente da Federación Galega de Piragüismo, se empeñou en que eu era a persoa idónea para ocupar o posto de secretario da Federación. "Debía cobrar un euro máis que o administrativo que máis cobrara para ser o verdadeiro xefe", dicía.
Sanmamed Lambas di que dende a Federación Galega se traballou para que Román Mangas gañase as eleccións á española nas que se enfrontaba ao seu pai
Aínda que nun principio dixen que non (eu non necesitaba meterme en tal frega) finalmente ante a insistencia, aceptei o cargo. Pareceume raro a verdade, tanto empeño en que fose secretario, finalmente despois das eleccións á Real Federación Española de Piragüismo entendino todo, horas de traballo na oficina e 50.000 mentiras, para que saíse elixido como presidente D. Juan José Román Mangas; perfecto, nunca me deu as grazas D. José González Vicente. Cando pouco despois foi nomeado Vicepresidente primeiro, tampouco mas deu, que pena coa cantidade de pizzas que comemos xuntos na oficina.
"A miña clausula". En efecto fíxoseme unha clausula, privilexio ou realidade? tiven o privilexio de poder asegurar o meu posto de traballo, tamén tiven que renunciar a moitas cousas pola dedicación exclusiva do cargo, entre outras os meus estudos. Pero tamén despois de recibir unha chamada moi especial, o meu "asesor" nas eleccións nacionais e compañeiro de pizzas, D. José González Vicente, deixoume claro que se o meu pai se presentaba ás eleccións da F.G.P. os meus días na federación remataran. Que cachondo!, eu pensaba que me xubilaba con eles. Lamentablemente nun xuízo é a súa palabra contra a miña, pena de móbil que non gravaba as conversacións, a realidade é que cando realmente puiden facer efectiva a clausula, non fixen uso dela.
Cando puiden facela efectiva?. Unha vez que D. Alfredo Bea accedeu á Presidencia da F.G.P. comezou unha inquietante crise que había que parar ao momento (antes cando eran todos eles membros na antiga xunta directiva de D. Modesto Teijeiro, non lles preocupaba tanto, sirva de exemplo o meu soldo proposto por D. José González Vicente. Perdoar, vénme á cabeza que aínda lle parecía pouco o meu soldo e cando rematase a carreira de dereito, debía cobrar 500 máis, que cachondo, outra vez!), ao parecer o meu soldo era parte culpable desa crise. Despois dunha gratificante reunión con D. Esteban Alonso Núñez en Tui, preséntanme unha carta onde renuncio a uns 400 e a ser secretario da F.G.P., despois de xurar e perxurar que o meu posto de traballo estaba asegurado con ese recorte económico, e que podía estar tranquilo. Confío neles e asino (quen entenda un pouco de leis decatarase que nese momento, no que accedo a baixar a miña categoría profesional e soldo, a clausula suxeita a ser secretario da federación carece de validez ). Comprendín que me equivocara ao día seguinte, cando me cesan oficialmente na xunta directiva e nomean a D. Félix Lamas secretario, dotándoo de 400 euriños ao mes polos seus servizos, asistir ás reunións de xunta directiva de onde sairán?.
O final da historia da galiña dos ovos de ouro xa sabedes cual es...me matan, digo despídenme con 20 días por ano traballado e listo. Denuncie, si, a verdade quen non o faría despois de ser enganado, ameazado e utilizado dese xeito.
"...xa está ben de utilizar o meu nome para facerse amigo do meu pai, para facer a pelota ao meu pai, para facer perder unhas eleccións ao meu pai..."
Polo tanto, unha vez morta a galiña dos ovos de ouro, deixar de utilizarme como tal, xa está ben de utilizar o meu nome para facerse amigo do meu pai, para facer a pelota ao meu pai, para facer perder unhas eleccións ao meu pai ou neste caso para desacreditar o meu pai nas próximas elecciones...A galiña dos ovos de ouro morreu; polo tanto buscarvos a outra galiña que vos dea ovos e deixarme en paz seguir co meu camiño, lonxe xa do piragüismo, e o máis importante, lonxe de vós, persoas que levan a mentira tan lonxe que se distorsiona coa realidade, persoas que levan a arte da manipulación no seu ADN, persoas que utilizan todo o que está ao seu alcance para conseguir poder, sen ningún tipo de remordemento ou ética persoal ou profesional, o dito, mellor lonxe.
Teño que aclarar, xa que no xuízo non tiven oportunidade, que o meu pai nunca foi asesor da F.G.P., que se lle nomeou cando se ceso ao "trío" da xunta directiva de D. Modesto, pero el xamais aceptou nin exerceu como tal. Tamén teño que dicir que a clausula estaba rexistrada na F.G.P (agora ao parecer xa non está no rexistro... "DEBEUSE EVAPORAR") por min mesmo, como secretario desta, rexistrada na Xunta de Galicia e arquivada na asesoría laboral xunto co meu contrato; raro é que non a visen dende un principio co moito que se interesaron polos contratos de todos os traballadores, e finalmente quero dicir que en todo este proceso o "trío" estivo asesorado por un bufete de avogados, xa contratado moito antes do meu despedimento. Non son todo alegrías querido Fredi?, os teus enfrontamentos persoais con multitude de denuncias, penso que deben tamén ocasionar un forte gasto á federación.
Eu pola miña banda soa quero aclarar que esta carta a escribín eu, César Sanmamed Lambas e non o meu pai D. Santiago Sanmamed Lora, aclároo por se algún aínda non se decatou que somos persoas diferentes, e que todo este relato é a MIÿA VERDADE, non a súa mentira, e con isto despídome para sempre, non penso entrar nun xogo de acusacións, nin perder un segundo máis de vida nisto, quen queira crer todo o que estes personaxes din ou escriben é libre de facelo.
Perdoar, por este conto que vos acabo de remitir, pero chega un momento que a sociedade debe coñecer quen é quen, aínda que me resulta difícil entender que a estas alturas aínda non se saiba"".
Ata aquí esta "segunda entrega", que non creemos sexa a última. No horizonte subxacer a posibilidade de que Santiago Sanmamed decida nos próximos días presentar candidatura á presidencia da Federación Española nas próximas eleccións, despois de que nas anteriores tivese perdido o cargo que entón ocupaba polo que entón moitos interpretaron como traizón dun sector dos representantes galegos na votación, sector que parece andar preocupado con esa posibilidade.