A Liga Galega de Traiñeiras chega ao seu ecuador en Bueu
Por Redacción
A Liga Galega de Traiñeiras chegará este domingo ao seu ecuador coa celebración da XXVII edición da Bandeira Concello de Bueu de Traiñeiras.
A competición, organizada polo Concello de Bueu e o Club do Mar de Bueu-Teccarsa, desenvolverase nun campo clásico, de 4 longos e 3 viradas por babor, completándose un percorrido regulamentado de 5.556 metros, con saída dende o porto ás 17:00 horas ata as praias de Agrelo e Portomaior. Para deleite dos afeccionados, haberá moita presenza no espigón para que poida verse polo maior número de persoas.
A celebración da proba realizouse este venres á mañá no salón de plenos da Casa do Concello da man de Félix Juncal, alcalde da vila, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Manuel Juncal e Alberto Chapela, da directiva do Club do Mar Bueu-Teccarsa, Jonatan Fernández, xestor da Asociación Liga Noroeste (LGT), e Daniel Benavides, xefe do servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia.
O Club do Mar Bueu-Teccarsa enfróntase a este campionato sendo un dos claros favoritos coa traiñeira 'Maruxía', nun evento que "se vivirá con moita emoción", dado que o club celebra este ano tamén o corenta aniversario da súa fundación. Para esta ocasión, e segundo salientaron dende a directiva, estrearán un logo conmemorativo, unha bandeira e tamén a vestimenta dos remeiros. A iso engádese o vídeo promocional da proba que conta con música das Tanxugueiras e que se pode ver xa dende esta semana nas súas redes sociais Instagram e Facebook.
Félix Juncal, animou a toda a cidadanía de Bueu a encher o peirao "porque esta tempada a Maruxía estanos a emocionar moito e temos que devolverlle todo o cariño e esforzo". Tamén agradeceu "o inxente e continuado traballo do club, que sempre está afrontando novos retos e aspirando a máis".
Pola súa banda, Daniel Benavides, dende a Xunta de Galicia, destacou que "a directiva demostra sempre un estreito compromiso e bo facer, o que nos leva a crer que hai canteira".
Desde a Liga Galega, Jonatan Fernández apuntou que "auguramos unha competición moi disputada, como toda esta tempada, no que veremos un gran espectáculo" que será transmitido en directo dende a canle autonómica da TVG2.
Para abrir boca, antes da proba (16:30 horas), a charanga OT ofrecerá un pasarrúas polo casco urbano da vila para xerar ambiente festivo e animar á cidadanía a gozar da proba dende o peirao.