Alberto Boo e Rei Zentolo sóbense á moto da inclusión
Por Manu Otero
Unha valiosa alianza asinouse este xoves diante da pontevedresa Praza da Peregrina. A marca Rei Zentolo e o piloto cambadés de motociclismo Alberto Boo unen forzas participar en diversos campionatos de ámbito estatal. Pero non se trata dun patrocinio ao uso, senón de dar visibilidade á capacidade de superación das persoas porque o piloto foi capaz de sobrepoñerse a unha enfermidade que limita a súa mobilidade para subirse á moto e correr non só para demostrar que non ten límites, tamén para defender "saúde mental, a igualdade de xénero, a promoción do galego ou a diversidade funcional".
"Eu teño un problema físico non lado dereito do corpo, non me movo ben, pero gozo igual. Só hai que cambiar un pouco o chip e a partir de ahi podes facer o que queiras", proclama o deportista que subiu por primeira vez con 8 anos a unha moto para baixarse aos 22 por un revés en forma de enfermidade.
Para el renderse non é unha opción e aos 29 volveu con máis forzas que nunca. "Eu lanzo unha mensaxe moi clara, coñezo a moita xente que lle falta un brazo, unha perna, os pés, ten paraplexias... e están a pilotar. , remarca o piloto que tampouco cre nas incapacidades. "A xente chámalle límites, eu chámolle non aproveitar o que tes", sentenza.
Recoñece Boo que o camiño percorrido ata facer realidade o seu soño non foi fácil, "teño moitas patoloxías e tiven que loitar moito", recoñece. A axuda de Rei Zentolo será fundamental para seguir progresando no motociclismo, pero el non corre só por afección. "Isto non é un proxecto dun piloto, é un proxecto que difunde valores sociais, todos temos dereito a gozar do que nos gusta", insiste.
No carenado da súa moto estará a partir de agora o nome dunha marca referente en Galicia non só polo deseño das súas camisetas, senón polo apoio á inclusión tanto no deporte como noutros ámbitos da vida. "Levamos tempo colaborando con varias causas e unha vez que ves os resultados, anima a apoiar cada vez máis proxectos de xente incrible que está facendo cousas incribles por Galicia e polo mundo adiante", explica o xerente da marca, Pablo Zentolo.
A colaboración nace cunha achega económica que facilite a inscrición de Alberto en diferentes campionatos estatais, pero a medio prazo verase complementada cun deseño inspirado no piloto e nas motos. "O noso son as camisetas, faremos algunha baseada no motociclismo para que sirva para recadar fondos para a seguinte tempada", anuncia o empresario.
Ambas as partes confían en que esta relación sirva para avanzar máis na integración de todas as persoas. A discriminación padeceuna o propio Boo nas súas carnes ao ver como o excluían dun campionato en Galicia por quedar a un só segundo do primeiro clasificado, noutras ocasións os organizadores tampouco mostraron comprensión cos seus problemas de saúde que lle impediron participar nalgunha carreira e negáronlle a devolución da cota de inscrición.
Ao final, decidiu por facerse as maletas e enrolarse na federación castelán leonesa, alí séntese como un piloto máis. "Todo o mundo está a apoiarte sempre, preguntan por ti, caes e arránxante a moto... O nivel de inclusión é maior", alega.
Con todo, en Galicia as cousas xa están a cambiar e a próxima tempada participará no Open Martín Vázquez das Pontes. Mentres tanto, os afeccionados poden gozar dos seus progresos no circuíto SuperSport 300 de Castela e león ou nun campionato específico para persoas con diversidade funcional física con motocicletas de 600 centímetros cúbicos.