Bo inicio de Támara Echegoyen e Paula Barceló no Mundial 49er FX de Canadá, terceiras tras dúas xornadas
Por Redacción
Un arranque con moi bo pé tivo a parella formada pola pontevedresa Támara Echegoyen e a mallorquina Paula Barceló no Mundial da clase 49er FX que se está disputando en Canadá. Son terceiras tras dúas xornadas de competición.
No medio dunhas condicións adversas, con ventos de ata 50 km/h e ondas de metro e medio, a dupla olímpica iniciou a súa andaina neste campionato cunha segunda posición, tras sumar parciais de 4+2+3 nas tres primeiras regatas.
Só foron superadas polas neerlandesas Odile van Aanholt e Annette Duetz, vixentes campioas de Europa.
A patroa galega explicou que "en augas tranquilas é fácil para moitos equipos ir rápido, pero a Paula e a min encántanos correr sobre as ondas, moito depende da técnica".
Na segunda xornada do Mundial, máis apracible desde o punto de vista meteorolóxico, Echegoyen e Paula Barceló descenderon da segunda á terceira praza tras un mal inicio.
Tras un posto 21 na primeira das regatas, por problemas nunha manobra, asinaron senllas cuartas prazas, o que lles sitúa provisionalmente terceiras da clasificación xeral.
Segue líder a parella neerlandesa e, nestes momentos, son segundas as suecas Vilma Bobeck e Rebecca Netzler, con tres puntos de vantaxe sobre as españolas.
A competición desenvolverase ata o vindeiro luns 5 de setembro.