Preto de 80 deportistas participarán este domingo no I Trofeo Concello de Poio de Kickboxing
Por Alejandro Espiño
Preto de 80 deportistas de entre 12 e 33 anos participarán este domingo 8 de decembro no I Trofeo Concello de Poio de Kickboxing. A competición, que se presentou este xoves, celebrarase a partir das 11.00 horas no Pavillón Municipal da Seca. Nace co obxectivo de que os alumnos de kickboxing da escola municipal de Poio "vaian collendo experiencia en competición" de cara ao Campionato Galego que se celebrará en marzo.
Segundo explicou Lucía Soto, monitora das escolas deportivas, ademais dos deportistas locais á competición acudirán tamén participantes procedentes de localidades como Vigo, Cangas, Arcade ou Noia. Todos eles combaterán na modalidade de 'light-combat'. Serán dous asaltos de minuto e medio (salvo nas finais que serán dous minutos), a tempo corrido e onde gana "o que máis técnicas meta nese tempo".
A condición para participar neste torneo é levar un ou dous anos federado nesta disciplina "para que todos os rapaces estean nas mesmas condicións", segundo os seus organizadores. En todo caso, Lucía Soto insistiu en que o máis importante é que "teñan unha boa experiencia, porque levan moito tempo preparándose para competir".
Neste sentido, a concelleira de Deportes, Marga Caldas, celebrou o éxito desta escola deportiva de kickboxing, que leva activa desde hai tres anos "e que cada ano ten máis xente de diferentes idades". Destacou ademais que, fronte a outras especialidades de combate onde os seus participantes son maioritariamente masculinos, no kickboxing de Poio "temos a sorte de que é un grupo mixto e hai moita presenza feminina".
Con este campionato, destacou, todos eles "terán a oportunidade de amosar o que saben" e empezar a moverse no mundo da competición deportiva.