Xornada festiva e deportiva en Santo Tomé de Piñeiro coa carreira popular Pinga-Pinga
Por Cristina Saiz & Redacción
Xornada festiva e deportiva a vivida este sábado en Santo Tomé de Piñeiro, Marín, coa Festa da Mazá e da Sidra e coa celebración dunha cita habitual no calendario deportivo. Trátase da carreira popular Pinga-Pinga, organizada polo Club Deportivo Pinarium e que este ano chegou á súa XII edición.
Foi unha tarde do todo especial na que o Pinarium e a vila marinense homenaxearon á piragüista olímpica Antía Jácome, subcampioa mundial e campioa de Europa.
A Pinga-Pinga 2022 comezou coa Andaina Popular ás 16:00 horas con dous circuítos a elixir de 5 e 8 quilómetros. Despois chegaron as carreiras dos máis pequenos menores ata as 17.00 horas, cando se celebrou a proba absoluta.
Nesta ocasión, o gañador masculino foi Jorge Puig (Club Atletismo Santiago), que cruzou a meta en primeiro lugar cun tempo de 25:38. Seguiulle en segunda posición o atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra Manuel Lorenzo (26:02) mentres que Akka Essaadaoui, da Asociación Deportiva Atlética, foi terceiro (26:57).
En canto ás mulleres, Ester Navarrete, do Fútbol Club Barcelona, parou o crono en 26:06 e foi décima na xeral. Completaron o podio Sandra Mosquera, do Comesaña Sporting Club, cun tempo de 30:52 e Beatriz Fernández, do Atletismo Corredoiras, con 32:06. As dúas atletas quedaron en 17 e 27 posición na xeral, respectivamente.
O evento tivo carácter solidario e destinaron parte do custo de inscrición á Asociación Española Contra o Cancro.
Consulta todos os resultados nesta ligazón