Javier Gómez Noya será o deportista homenaxeado na XIII Carreira Pinga Pinga
Por Redacción
O Club Deportivo Pinarium ten xa todo a punto para a que será a XIII Carreira Pinga Pinga, que completa as celebracións da Festa da Sidra e da Mazá de Santo Tomé de Piñeiro, en Marín.
A popular proba deportiva terá lugar o vindeiro sábado, 7 de outubro.
Cumprindo coa súa tradición no evento será homenaxeada unha figura do deporte local, e nesta ocasión a honra recaerá en Javier Gómez Noya, ao que o Pinarium leva anos querendo mostrar o seu agarimo pero "polos seus compromisos deportivos non fora posible".
Gómez Noya colle a testemuña doutros olímpicos como David Cal, Teresa Portela, Támara Echegoyen, Susana Rodríguez Gacio, Begoña Fernández ou Antía Jácome.
"Á marxe de todas as probas habituais, nas que desde a organización poñemos moita énfase nas carreiras dos máis pequenos, este ano contaremos cunha proba por equipos mixtos que terá un premio económico ao primeiro equipo mixto, ademais da cronoescalada á fonte que dá nome á carreira", explicou o presidente do club, Diego González.
Ademais da carreira abosluta, con 7,5 quilómetros de percorrido e saída ás 17.00 horas, está prevista organizar un ano máis a Andanina Pinga Pinga de 5 quilómetros e que partirá unha hora antes, ás 16.00 horas da tarde.