O CGTD recibirá 2,3 millóns de fondos europeos para a mellora das súas instalacións
Por Redacción
Os mundiais de grappling que se celebran esta semana en Pontevedra recibiron este venres a visita do presidente do Consello Superior de Deportes, Jose Manuel Franco, que, xunto ao concelleiro de Deportes, Tino Fernández; e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; estiveron a presenciar esta mañá os combates.
O mandatario do CSD, que esta tarde visitará tamén o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, aproveitou a súa visita a Pontevedra para anunciar a concesión de 2,3 millóns de euros, procedentes dos Fondos de Cooperación, para a mellora das instalacións do CGTD.
"Pontevedra é unha cidade que aposta polo deporte en xeral. É unha cidade que se merece este tipo de axudas e merece organizar este tipo de eventos porque o fan de forma brillante e merece o apoio do Goberno de España", declarou José Manuel Franco.
O dirixente encomiou tamén o posicionamento da Boa Vila e o seu bo facer á hora de organizar campionatos de toda clase de deportes como tríatlon ou piragüismo. "Pontevedra seguirá sendo capital do deporte para toda a vida", rematou o presidente do CSD.