Salto de calidade do Peixe Galego coa fichaxe de Zach Monaghan
Por Manu Otero
O Peixe Galego incorpora ás súas filas a unha das estrelas da liga LEB Oro das últimas tempadas. O estadounidense coñecido en España polo seu bo facer co Leyma Coruña, Zach Monaghan, é a nova figura do equipo da Raña que busca este ano o regreso a LEB Prata.
Aos seus 29 anos, o escolta de Illinois disputara o playoff de ascenso a ACB o pasado curso co conxunto coruñés, no que militaba desde o ano 2015. Na tempada pasada disputou 26 partidos cunha media de 8,6 puntos.
Capacidade anotadora e unhas excelentes condicións físicas son as principais calidades que achegará o americano ao persoal azul. Aínda que o seu sitio favorito é o de escolta, Monaghan demostrou tamén desenvolverse con soltura como base.
Antes de aterrar na Coruña, Monaghan completara o seu ciclo universitario en Dakota do Sur e en Minnesota. En Europa, a súa casa foi o Leyma, pero tamén tivo un breve paso lpolas ligas belga e búlgara.
En Marín tampouco é un descoñecido e coñecen de primeira man a calidade dun xogador diferencial, pois se enfrontou ao Peixe Galego nas dúas tempadas que os da Raña estiveron en LEB Oro, así como en pretemporada pola disputa da Copa Galicia.
Coa súa chegada, o equipo que volve dirixir este ano Javi Llorente, o artífice dos dous ascensos a LEB Oro, posiciónase aínda máis como aspirante ao ascenso a LEB Prata. Polo momento, o cadro marinense marcha na sexta posición do grupo AB da liga EBA con tres vitorias e dúas derrotas tras a disputa de cinco xornadas.
Para conseguir o ascenso, os da Raña deben, en primeiro lugar, clasificarse para a fase de ascenso, á que acceden só tres equipos da conferencia A, os dous primeiros de cada grupo e o gañador da final a catro que disputarán os clasificados en segundo e terceiro lugar dos grupos A-A e A-B.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Javonte Green, o ex-'peixe' que se sae na pretempada dos Chicago Bulls
Por Diego Espiño |
-
Regresa ao Peixe Galego Javi Llorente, o adestrador dos dous ascensos a LEB Oro
Por Manu Otero |
-
As mellores canteiras do baloncesto español volverán facer escala en Marín en xuño
Por Redacción |
-
O Peixe Galego despide o ano do seu regreso a EBA asentado na clase media
Por Redacción |