A Cañota volverá ser o epicentro do mellor boxeo de Galicia o 26 de novembro
Por Redacción
A cuarta edición da Copa Galicia de boxeo celebrarase o día 26 de novembro no pavillón marinense da Cañota. Trátase do "maior evento boxeístico da historia de Marín", aseguran desde o club organizador, o Team Thunder.
Esta disciplina goza dunha extraordinaria saúde na vila marinense. Ao longo do presente ano, os deportistas do club conseguiron catro medallas en campionatos de España e contan ademais cunha nutrida base de 210 licenzas federativas. "Unha canteira envexable que fai do club un referente a nivel autonómico e nacional", remarcan.
Para conmemorar todos estes logros, o Team Thunder realizou unha forte aposta coa organización da Copa Galicia de Boxeo, unha competición nada en Marín no ano 2017 e que consiste no enfrontamento dun combinado galego contra outra selección autonómica de España en diferentes pesos. Cataluña foi o rival das dúas primeiras edicións e, tras un parón pola pandemia, a Comunidade Valenciana tomou a substitución. Este ano, a selección convidada e que tratará de terminar co absoluto dominio galego é a de Biscaia.
A competición, que comezará ás 20 horas, constará dun total de seis combates entre os mellores púxiles vascos e galegos do peso pluma e medio. Jorge Alonso, Cristian Teira, Diego Benítez, Izan López, Martín García e Aarón González serán os encargados de tentar que, unha vez máis, a Copa Galicia quede en casa.
Ademais destes seis encontros, haberá outros dous combates que elevarán aínda máis o nivel da velada. Os boxeadores profesionais Alex 'Ciclón' Barros e Kike 'Rayito' García demostrarán ante a inchada marinense por que están entre os mellores púxiles do país, nuns combates nos que tratarán de conseguir puntos para seguir escalando no ranking nacional.
Así mesmo, a partir das 17 horas, están programados outros doce combates co mellor do boxeo local que servirán como aperitivo para a disputa da Copa Galicia.
As entradas para asistir como público a esta velada atópanse xa dispoñibles nos locais de Marín Five Sport e Café Nave, así como na plataforma Cluber de maneira en liña.
Relacionadas:
-
O boxeador Aarón González adestra co campión mundial arxentino, Marabilla Martínez
Por Redacción |
-
Xornada de boxeo na Cañota coa cuarta edición da Copa Galicia
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O boxeo marinense báñase de ouro da man de Carla Agís e Yohana Jiménez
Por Redacción |
-
De Australia a Marín empuxado pola súa paixón polo boxeo
Por Redacción |
-
Dobrete de bronce no nacional para os boxeadores do Team Thunder Aarón González e Goyo Rubio
Por Redacción |
-
Satisfacción no Team Thunder polo resultado do I Open Villa de Marín de boxeo
Por Redacción |