Bea Gómez, fóra da final de 400 libres do Europeo ao quedar por detrás de Mireia Belmonte e Melani Costa
Por Alejandro Espiño
Ter como compañeiras a dúas deportistas extraordinarias como Mireia Belmonte e Melani Costa non lle veu ben, nesta ocasión, á pontevedresa Bea Gómez Cortés. A nadadora do Club Natación Galaico quedouse fóra da final dos 400 metros libres no Campionato de Europa de piscina curta que se están celebrando na cidade danesa de Herning. Pero non porque non fixese un bo tempo.
Bea Gómez marcou o noveno mellor crono nas series dos 400 metros libres, unha das súas mellores especialidades. Fixo un tempo de 4:04.49, o que en condicións normais clasificaríalle para a loita polas medallas, ao pasar á final as dez mellores nadadoras. Pero hai unha excepción. Na última carreira só poden participar un máximo de dous nadadoras por país e a pontevedresa foi a terceira española en terminar a proba.
Por diante dela quedaron Mireia Belmonte con 3:58.98 e Melani Costa, cun tempo de 4:00.71. Ambas serán polo tanto as representantes españolas na final dos 400 metros libres.
A Bea Gómez Cortés quédalle unha última oportunidade de clasificarse para unha final neste Campionato de Europa. Este domingo volverá á piscina para participar na proba de 400 metros estilos.