O luns 12, data clave para o futuro de Rías do Sur cunha reunión a tres bandas entre Concello, Fundación e clubs
Por Diego Espiño
O calendario segue descontando datas achegándose a final de ano, data anunciada de peche do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños se non se atopa a maneira de financiar os custos enerxéticos para o seu mantemento.
A Fundación Rías do Sur deu unha prórroga dun mes aos clubs que alí adestran para atopar unha solución que permita manter o centro en funcionamento, ao non poder soster os seus custos, e a conta atrás foi avanzando sumindo nun mar de dúbidas ás entidades e deportistas.
No medio desta situación, e tras declaracións tanto da Fundación Rías do Sur como do Concello de Pontevedra tendendo a man para buscar unha solución, o vindeiro luns 12 de decembro preséntase como unha data clave.
Ese día está prevista no Concello unha reunión a tres bandas entre representantes do goberno local, a Fundación Rías do Sur e os clubs afectados.
"De momento ninguén dá o paso para adiante", recoñece o presidente dun deses clubs, José Maquieira, do Galaico Sincro, asumindo que ao non poder asumir como club os custos "todo pasa polo Concello", aínda que entendendo que "a situación é difícil para eles porque a auga non é municipal, é dunha fundación".
O propio Galaico Sincro e o Club Natación Galaico xa mantiveron un encontro o pasado luns co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, para coñecer as súas impresións.
Mentres tanto os afectados téñeno claro. "A realidade é que non hai auga en Pontevedra. Se esas instalacións non abren para nós será inviable, sobre todo a nivel de base", recoñece Maquieira, xa que continuar na Escola Naval e noutras piscinas a longo prazo non parece unha solución que poida manterse no tempo.
Relacionadas:
-
O PP reclama que se poña en marcha o "convenio incumprido" para reactivar o Complexo Deportivo Rías do Sur
Por Redacción |
-
A piscina de 25 metros de Rías do Sur seguirá aberta á espera dunha solución que permita reabrir a olímpica
Por Manu Otero |
-
Reunión entre o PP e os clubs afectados polo peche de Rías do Sur para "buscar solucións conxuntas"
Por Redacción |
-
Vida extra ata final de ano para evitar o peche de Rías do Sur
Por Diego Espiño |
-
O Concello tende a man a un acordo para manter aberto Rías do Sur: "Pola nosa parte non vai quedar"
Por Diego Espiño |
-
Rías do Sur volve pechar ao non poder facerse cargo a Fundación "do groso dos gastos que conleva"
Por Diego Espiño |