Empate con sabor a derrota do Pontevedra diante do Rayo Majadahonda (1-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Amargo punto o colleitado este domingo polo Pontevedra no seu partido contra o Rayo Majadahonda en Pasarón. Custa horrores ao Pontevedra conseguir un gol. Mereceuno e buscouno durante o primeiro tempo, pero non chegou ata o segundo, cando peor o pasaban os de Antonio Fernández.
E aínda co balón no fondo das redes de Fondo Norte moitos non acababan de crelo porque o remate de Charles era inapelable, pero entre o pau e Lucho deixaron o balón morto sobre a liña sen que ningún granate aparecese para empuxalo. Por fortuna, o despexe vistante foi defectuoso e caeu nos pés de Yelko que conseguiu, por fin, romper o maleficio.
Coñecían os granates que un tanto non é sinónimo de vitoria e buscaron con ganas o segundo. Non chegou e como o Rayo comezaba a apertar, tocaba gardar a roupa. Con todo, un escintileo de Albiach cando Mario Ortiz agardaba a súa quenda para entrar na banda, botou por terra o esforzo dos locais.
Afai o Pontevedra a sufrir na primeira acción de xogo, pero esta vez foron os granates os que puxeron en dificultades ao seu rival cun pase ás costas da defensa á que por centímetros non chegou, en clara posición de remate, Alberto Rubio.
Era só o prólogo do argumento dunha primeira parte que virou ao redor da meta defendida polo exdeportivista Lucho. Román foi o segundo en tentalo ao cazar un rexeite na frontal da área despois dunha bonita xogada colectiva do ataque lerezano. Pero o remate do mediocentro saíu defectuoso.
E antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora unha nova e precisa triangulación dos granates levantou das súas butacas á escasa afección que adoita poboar as bancadas de Pasarón. Descargou Charles de peito para Yelko, quen buscou en profundidade a Brais en banda esquerda. Puido rematar o atacante dubrés pero preferiu tocar para a incorporación de Domínguez, quen habilitou a Rubio en liña de fondo, pero o seu pase atrás desviouno a defensa madrileña.
O dono do balón non estaba claro, pero as chegadas á área tiñan unha intensa cor granate. Así quedou claro noutra entrada por banda dereita que acabou nos pés de Samu Araújo. Manobrou o lateral, pero non atopou espazo para disparar. Tampouco puido rematar Brais un perigoso centro de Rubio ao segundo pau.
Vendo que os granates sufrían coa finalización, o Rayo Majadahonda estirouse un pouco. Aproveitaron os visitantes un despexe defectuoso de Román para facerse co rexeite e poñer un centro ao segundo pau, pero o remate de Nando bloqueouno Araújo. Tamén o probaron cun disparo afastado que saíu por riba da meta de Cortés, que substituíu a Cacharrón, mancado na batalla de Córdoba.
Aproximábase o descanso, pero aínda estaba por chegar a ocasión máis clara de gol para os granates. Seoane tirou o desmarque ás costas da defensa, Rubio deixoulle o espazo, baixou a recibir a bóla e puxo un balón medido á liña de fondo. O carrileiro ourensán centrou e cando medio estadio celebraba o gol de Charles, apareceu Lucho para despexar o balón.
Tras o paso por vestiarios, o Pontevedra baixou o ritmo e o Rayo Majadahonda demostrou ter argumentos suficientes para non ocupar postos de descenso. A obrigada substitución de Seoane por Oier tamén fixo que o Pontevedra perdese profundidade. Algo que aproveitaron os de Alfredo Santaelena para lanzarse sobre a meta de Cortés con escasa eficacia. Primeiro cun pase filtrado á interior da área que deixou só a David Rodríguez só ante o porteiro granate que salvou o tanto visitante cunha excelente parada.
Volveu probalo o cadro madrileño con outra aproximación por banda que non acertaron a rematar tras barullo dean a área.
Perdía o Pontevedra o mango do encontro e tivo que mover peza Antonio Fernández, o amoestado Borja Domínguez deixou o seu lugar a Álex González e logo Rufo entrou por Samu Araújo.
Produciron efecto de inmediato as modificacións porque tras un saque de banda, Rufo puxo un centro medido á cabeza de Charles, que rematou forte e picado ao pau. Non quería entrar o balón. Pero a defensa visitante despexou mal e deixou o balón nos pés de Yelko que, agora si, fusilou a Lucho para facer estalar de alivio e xúbilo ao templo do Lérez.
Sentou mal o tanto ao Rayo Majadahonda e deu ás ao Pontevedra que buscou con ganas o segundo. Tívoo nas botas de Rufo, pero o asistente levantou a súa bandeira e anulou o tanto.
Entraba o partido na recta final e o Majadahonda lanzouse ao ataque. Tiña preparado Antonio unha nova rolda de cambios para protexerse, pero non deu tempo. Ofoli cortou o pase que lanzaba a contra granate, deulla a Albiach e o recentemente ingresado no terreo de xogo pegou un zurdazo afastado que sorprendeu a Cortés e xeou a Pasarón.
Os últimos dez minutos converteron a ambos os equipos nun feixe de nervios. Sufriron os granates, que buscaron con centros inocuos un segundo tanto que nunca chegou e que os obriga a conformarse cun insuficiente a punto que sabe a pouco.
PONTEVEDRA CF (1): Cortés, Seoane (Oier Calvillo, min 45), Soto, Luis Martínez, Samu Araújo (Rufo, min 62); Miguel Román (Mario Oortiz, min 82), Borja Domínguez (Álex González, min 52); Yelko Pino; Rubio (Gueye, min 82), Brais Abelenda, Charles
RAYO MAJADAHONA (1): Lucho; Aldalur, Ofoye, Pinillos, Rahim, De Iriondo, Mario (Konate, min 90), Ozkoidi (Sergio Llamas, min 80); Nando, Alayeto (Néstor Albiach, min 62), David Rodríguez (Jeisson, min 62)
Árbitro: González Díaz, Miguel (Asturias), auxiliado en las bandas por Corgo Suárez y Gomez Gago, amonestó a Borja Domínguez y Luis Martínez por parte del Pontevedra . El cuarto árbitro fue Juncal Moreira y el informador, Simón Rodriguez
Goles: 1-0, Yelko Pino, min 69. 1-1, Néstor Albiach, min 80
Incidencias: Partido correspondente á xornada 16 do grupo I da Primeira Federación disputado no estadio municipal de Pasarón ante 1.700 espectadores. Un nutrido grupo de afeccionados da bancada de Fondo Norte accederon ao estadio pasado o minuto 30 de xogo como acto de protesta contra a xestión do consello de administración do Pontevedra CF SAD
Relacionadas:
-
Yelko Pino e a lei do ex dan a vitoria o Pontevedra contra o Algeciras (0-2)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra, a por unha vitoria en Alxeciras que "nos de confianza" antes de que acabe o ano
Por Redacción |
-
Unha parte importante do plantel do Pontevedra, con contrato ata 2024
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
O Pontevedra entrega os 600 quilos de alimentos recadados en Pasarón
Por Redacción |
-
Dous partidos que poden marcar a tempada do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández: "O esforzo e as ganas de gañar de hoxe merecían un premio que non se conseguiu"
Por Redacción |
-
Antonio Fernández: "É vital conseguir os tres puntos o domingo"
Por Manu Otero |
-
Dura derrota do Pontevedra en Córdoba tras xogar 80 minutos en superioridade (1-0)
Por Diego Espiño |