Antonio Fernández: "O esforzo e as ganas de gañar de hoxe merecían un premio que non se conseguiu"
Por Redacción
O adestrador do Pontevedra, Antonio Fernández, mostrouse decepcionado tras o empate conseguido polo seu equipo en Pasarón ante o Rayo Majadahonda. "O partido non foi moi bo. Puxémonos por diante pero non soubemos manter a renda", recoñeceu o preparador matizando que "o equipo fixo todo para intenar gañar".
Sostén o preparador granate que "na primeira parte estivemos ben, tivemos o control do xogo e tivemos tres ou catro achegamentos bos". Mentres que na segunda admite que o rival mellorou, pero aínda así "tivemos achegamentos e con empuxe conseguimos ese gol".
O desenvolvemento do partido estivo marcado pola situación física de varios xogadores, castigados pola agresividade do último partido en Córdoba. É o caso de Seoane, Borja Domínguez, Charles ou Miguel Román. "Seoane non está lesionado pero vén de onde vén", puntualizou lembrando a grave lesión sufrida a finais da tempada pasada, o longo proceso de recuperación e a esixencia á que está a ser sometido estas últimas semanas pola baixa de Bastos.
"Vímonos obrigados a cambiar no descanso a Seoane porque podía ter un problema muscular grave e puxemos a Oier que normalmente non xoga de lateral e non saíu todo o ben que eu imaxinábame", confesou Fernández Rivadulla, ao mesmo tempo que lamentaba tamén o escaso rendemento ofrecido por Gueye. "Está a custarlle entender o noso fútbol", dixo o técnico sobre o extremo.
Tamén se lamentou Antonio de non sacar máis rédito no primeiro tempo da defensa adiantada do seu rival. "Non soubemos ler a liña adiantada deles, cando metiamos cambios de orientación faciámoslles moito dano e non insistimos demasiado niso. Aí estivo o quid da cuestión do partido", recoñeceu en autocrítica.
A fortuna tampouco estivo ao lado dos granates, que recibiron o tanto do empate cando o adestrador ía reforzar o centro do campo para asegurar a vitoria. "Cando quixen reestruturar para meter unha peza máis no medio do campo para que eles non tivesen tanta facilidade para combinar por dentro, encaixamos", explicou.
A situación clasificatoria é outro aspecto que afecta o rendemento do equipo. "Vin aos futbolistas un pouco acelerados, precipitándonos un pouquiño, xogando en curto cando tiñamos que xogar en profundidade e viceversa. Co marcador a favor tiñamos que facer que eles viñesen e facerlles dano ás costas. Tentámolo, tivemos garra pero faltounos un pouco de tranquilidade", sostén o adestrador.
Sobre a situación anímica do grupo, Antonio Fernández recoñece que "o equipo non está contento, pero transmítolles que estean tranquilos porque o esforzo e as ganas de gañar que tiveron hoxe merecían o premio que ao final non se conseguiu. Hai que estar tranquilos pero sabendo que as circunstancias non son as idóneas, traballamos para saír e traballamos ben", rematou.
Relacionadas:
-
Unha parte importante do plantel do Pontevedra, con contrato ata 2024
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
O Pontevedra entrega os 600 quilos de alimentos recadados en Pasarón
Por Redacción |
-
Dous partidos que poden marcar a tempada do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Empate con sabor a derrota do Pontevedra diante do Rayo Majadahonda (1-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Antonio Fernández: "É vital conseguir os tres puntos o domingo"
Por Manu Otero |