Veronika Jandová e Agata Flis, dobre fichaxe internacional para o Farto-BTC
Por Redacción
O terceiro proxecto do equipo Farto-BTC como equipo UCI Continental Feminino segue tomando forma con novas incorporacións.
Para reforzarse a escuadra pontevedresa acudiu ao mercado internacional, pechando as incorporacións da checa Veronika Jandová e a polaca Agata Flis.
No que respecta a Jandová, trátase dunha ciclista de 21 anos que acumula tres tempadas como profesional no World Cycling Center suízo, un equipo de desenvolvemento pertencente á Unión Cilcista Internacional. Pola súa banda Agata Flis (1995) provén do Lviv e debutará nun conxunto Continental co Farto-BTC.
"Veronika vén con varias recomendacións debaixo do brazo e é unha ciclista novo que encaixa coa nosa filosofía de traballo. A Agata puidémola ver en directo en Ardèche e estou convencido de que ten moita marxe de progresión", analiza o mánager do Farto, Brais Dacal.
A intención do conxunto pontevedrés é pechar o seu plantel ao redor da decena de corredoras, para así completar a súa formación con mulleres do filial cando sexa necesario.
Ata a data están confirmadas no plantel UCI Azulde Britz, Lina Svarinska, Claudia García, Ariadna Gutiérrez e as recentemente anunciadas Veronika Jandová e Agata Flis.