Pontevedra despide o ano desafiando ao mal tempo na popular carreira San Silvestre
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
A pesar das inclemencias meteorolóxicas a organización decidiu manter a celebración da carreira San Silvestre de Pontevedra 2022. Meteogalicia prognosticaba que o vento intenso continuaría ata media tarde, momento a partir do cal chegou a choiva.
Foron uns 5.500 os rexistrados, segundo o dato oficial, aos que habería que sumar preto dun milleiro de corredores que participaron na proba sen dorsais.
E aínda por riba empezou a diluviar xusto na saída.
Jorge Puig foi o primeiro en cruzar a liña de meta impoñéndose a Hugo Suárez ao sprint na recta de Montero Ríos nun tempo aproximado de 14 minutos. A primeira muller foi Sabela Castelo.
Nas horas previas foron numerosas as consultas sobre a posible suspensión da proba deportiva á vista das alertas por vento e choiva decretadas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia.
A Coruña comunicaba a última hora do venres que cancelaba a súa carreira e o Concello de Vigo suspendía polo temporal todos os eventos na vía pública que se programaron para esta tarde, entre eles a carreira de San Silvestre e tamén a Festa de Fin de Ano. Tamén Sanxenxo decidía coa Asociación Lúdica e Cultural de O Cubreiro, suspender o Fin de Ano Adiantado previsto para as 12 do mediodía na Praza Pascual Veiga.
A organización da San Silvestre pontevedresa decidiu como medida preventiva, por prudencia, non instalar nin o arco inchable nin a publicidade sobre os valos, como medida de seguridade fronte aos refachos de vento.
A saída da San Silvestre foi ás cinco da tarde desde a Avenida Montero Ríos. Os corredores completaron os preto de catro quilómetros de distancia pasando pola Praza de España, Rúa Alameda, Raíña Victoria, Xeneral Rubín, Iglesias Vilarelle, iglesia de San Xosé de Campolongo, Praza da Constitución, Praza de Galicia, Andrés Mellado, Peregrina, Oliva, Marqués de Riestra, Gutiérrez Mellado, Michelena, Praza da Peregrina, Ferrería, Soportais, Curros Enríquez, Rúa Real, Sarmiento, Gregorio Fernández, Praza da Pedreira, César Boente, Rúa Sierra, Valentín García Escudero, Rúa da Ponte, San Telmo, Barón, Praza do Muelle, Arcebispo Malvar, Condesa Pardo Bazán, Concepción Areal, Xeneral Martitegui, Prudencio Landín e de novo Praza de España para chegar á meta na Avenida de Montero Ríos.