Pontevedra, centro ibérico dos deportes de orientación durante os próximos tres anos
Por Redacción
Os deportes de orientación terán en Pontevedra unha das súas capitais a nivel ibérico durante os próximos tres anos, en virtude dos acordos que pechou o concello lerezano.
Segundo informa a concellaría de Deportes, a cidade de Lérez será sede en 2014 do Campionato Ibérico de Raid, coa presenza estimada de preto de 500 participantes de España e Portugal.
Ademais Pontevedra tamén acollerá o Campionato Ibérico de Orientación a Pé en 2015, cunha participación que podería roldar o millar de deportistas, e o Campionato de España de Orientación en 2016, proba na que se podería alcanzar a cifra de 2.000 inscritos.
A confirmación destas probas produciuse na reunión que mantivo o concelleiro Agustín Fernández co presidente da Federación Galega de Orientación, Alberto Arufe, na que tamén se encontraba o presidente do Club Montañeiros A Roelo, Manuel Veloso.
Pontevedra xa acollera con anterioridade o Nacional de Orientación en 2005 e a primeira edición do Campionato Ibérico de Raid, en 2007.