O gran mestre serbio Aleksa Strikovic faise coa vitoria no Memorial Ramón Escudeiro Tilve
Por Redacción
Un total de 142 deportistas de cinco nacionalidades, 13 xogadores con titulación internacional, o primeiro medallista galego nun mundial e un campión do mundo sub16. Este foi o balance do XI Torneo Internacional de Xadrez Memorial Ramón Escudeiro Tilve que comprendeu máis de 500 partidas ao longo de oito horas de competición e que tivo lugar este sábado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Organizado pola Escola Xadrez Pontevedra, este torneo internacional desenvolvíase por segunda vez neste centro, despois de que a pandemia obrigase a convertelo en virtual nos dous últimos anos, e completábase cun dos seus finais máis axustados, no que o triunfo final foi para o serbio Aleksa Strikovic.
Organizado coa colaboración da Universidade de Vigo, a facultade e o Concello de Pontevedra, tratábase dun torneo de xadrez rápido, válido para a puntuación ELO da Federación Internacional de Xadrez, e tivo como cabezas de serie tres grandes mestres internacionais; Strikovic, o búlgaro Vladimir Petkov e o español de orixe uzbeko Ibragim Khamrakulov, campión do mundo sub16 en 1998.
Promovido como homenaxe ao que fora membro do club pontevedrés, alén de alumno da Facultade de Fisioterapia, o deportista invidente Ramón Escudeiro, falecido en 2012, o torneo contou tamén cunha ampla participación do Estratexia pola Paz, primeiro equipo da Universidade de Vigo-Escola Xadrez Pontevedra. Cun 12,7% de participantes mulleres, no memorial participou tamén a mestra internacional e catro veces campioa do Perú Karen Zapata
Disputado polo sistema suízo de competición, con partidas de 15 minutos, máis cinco segundos de incremento por xogada, tratouse dunha competición con oito roldas, na que as e os participantes íanse emparellando con xadrecistas da súa mesma puntuación. Isto contribuíu, como lembra o xerente da EXP e director do torneo, Pablo García, a que a xornada deparase “encontros interxeracionais pouco comúns noutras modalidades deportivas”, como as partidas que os vixentes campións galegos sub8 Javier Lema e Zaira Campelo disputaron con xogadores 60 anos maiores.
De feito, xunto a novos xadrecistas, como as campioas autonómicas sub10 e sub14, Laura Diéguez e Noa Costas, no torneo participaron estudantes da materia de xadrez do Programa Universitario para Maiores da UVigo.
Tras a disputa das catro primeiras roldas, cinco xogadores mantíñanse empatados, con catro vitorias, á fronte da táboa clasificatoria. Trátabase de Strikovic, Pektov, Khamrakulov e “dous dos mozos máis prometedores do xadrez galego”, o deportista do EXP-UVigo Rubén Fernández e Xulio del Prado. Mais na quinta rolda, só Strikovic foi quen de sumar un novo triunfo, converténdose en líder solitario. Así, nas últimas roldas vivíronse igualadas contendas nas que os principais aspirantes tentaban alcanzar ao serbio, que chegou á ultima rolda con medio punto de vantaxe sobre Petkov, Fernánddez, Rodrigo González e Juan Manuel Martínez.
Na derradeira partida, Strikovic pechaba cunhas táboas o seu enfrontamento con Rubén Fernández, o que lle serviu para facerse coa vitoria final, nun triplo empate con sete puntos con Petkov, que remataba segundo tras derrotar a González, e o xadrecista do EXP-UVigo Juan Manuel Martínez, que rematou terceiro grazas a súa vitoria sobre Luís Costado.
Fóra da categoría xeral, nunha competición na que se outorgaron 1300 euros en premios, xunto cos trofeos creados polo ceramista Juan Pedro Perdigón, o campión amateur foi o tamén xadrecista do EXP-UVigo Rodrigo González, mentres que o triunfo en veteranos foi para Benjamín García, do Xadrez Marín. No referido ás novas promesas, o trofeo ao mellor sub14 foi para Iago Fernández, de O Marquiño; mentres que Lois Quintás, do equipo da USC, acadou a vitoria na modalidade sub12 e dous xadrecistas vigueses, David Álvarez e Mateo Rey, nas categorías sub10 e sub8, respectivamente.
Relacionadas:
-
Os mellores xadrecistas internacionais participarán desde este luns no Torneo Ciudad de Pontevedra
Por Redacción |
-
Insípido empate da Escola Xadrez Pontevedra no seu debut en casa na División de Honra galega
Por Redacción |
-
O IX Memorial Ramón Escudeiro Tilve de Xadrez, en liña e co subcampión mundial Alexei Shirov
Por Redacción |