Insípido empate da Escola Xadrez Pontevedra no seu debut en casa na División de Honra galega
Por Redacción
Nova xornada de xadrez no Campus Universitario de Pontevedra. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e xa un punto de referencia do xadrez da provincia. O Torneo Internacional de xaneiro, a Liga Galega, as materias do alumnado de maiores, TFM, investigacións e outras actividades, consolidan a presenza do xadrez.
O día serviu para asistir ao debut na casa para primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra Estratexia pola Paz (EXP), que non puido pasar do empate a tres fronte ao recentemente ascendido, Benchoshey de Pereiro de Aguiar. Os veteranos do equipo están a ter un frouxo comezo de liga que fai saltar as primeiras alarmas.
O empate deixa a EXP no quinto posto da xeral con 6,5 puntos, dous menos ca o líder, o Círculo Chantadino, único equipo que puido acadar a vitoria nos dous encontros disputados.
Nesta xornada, os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo sumaron 2 vitorias, 1 empate e 4 derrotas. Caeu o Ramón Escudeiro Tilve no seu debut na casa. 1,5 a 2,5 para o Xadrez Bueu A, un dos favoritos deste grupo D para acadar o ascenso á máxima categoría, a División de Honra. Na Segunda División o EXP Non á violencia de xénero foi derrotado, 1 a 3, polo Liceo Pueblense.
E na terceira categoría chegaron as vitorias da xornada, o EXP-Concello de Pontevedra sube ao primeiro chanzo tralo seu 0 a 4 na casa do Xadrez Albariño, e o EXP-Chess Cares derrotou 2,5 a 1.5 ao Xadrez Marín. Tamén na terceira, caía o EXP-Universidade de Vigo na casa, 0 a 4 fronte ao Cultural Deportiva Portas; e o EXP-Zona Informática, 3 a 1, na súa visita ao Academia Enot.
Na División de Honra, o EXP enfrontábase a un equipo recén ascendido, formado por xadrecistas moi novos e que debutaron con vitoria. Así foron quen de poñer de manifesto as debilidades dos máis veteranos do equipo pontevedrés. Víctor Miguel, Daniel Rivera e Pablo García, xa deran sinais de non andar moi finos a semana pasada, aínda que sumaron unha vitoria e dous empates.
E foi desta que se confirmou, tan só Rivera sumaba un empate. O capitán caía estrepitosamente, xogando mal a apertura, mal o medio xogo, e non aproveitando a única ocasión. Víctor Miguel non sacou proveito de xogar coas pezas brancas. Rexeitou a oferta de empate do seu rival cando lle quedaba pouco tempo, e rematou por perder a partida.
Foron os máis novos os que tiraron deste encontro. David García cazou nun tema táctico ao rival, forzando pola vía rápida o seu abandono. Rubén Fernández non deu opción a vixente campioa galega, Inés Prado, e Alberto Portela empataba no primeiro taboleiro fronte a Artai Bringas.
Relacionadas:
-
Os mellores xadrecistas internacionais participarán desde este luns no Torneo Ciudad de Pontevedra
Por Redacción |
-
O gran mestre serbio Aleksa Strikovic faise coa vitoria no Memorial Ramón Escudeiro Tilve
Por Redacción |
-
O Torneo Internacional Ramón Escudeiro Tilve de xadrez retoma a súa versión presencial en Ciencias da Educación
Por Redacción |