Homenaxe a Menéndez, torneo de benxamíns e creación dunha base feminina, entre os plans do Salgueiriños para celebrar os seus 60 anos de historia
Por Manu Otero
O Salgueiriños CF vive un momento histórico. Non só porque este ano celebra o seu sesenta aniversario, senón porque o fai cunha remuda xeracional á fronte dun dos clubs emblemáticos do fútbol base pontevedrés. O ex xogador do Pontevedra CF Óscar Guimeráns relevou na presidencia a Carlos Menéndez, que formou a boa parte dos novos futbolistas da Boa Vila durante os sesenta anos de historia do club.
Para despedilo como merece, a nova directiva ten previsto organizar unha serie de actos ao longo deste ano que comezarán este 28 de xaneiro cunha cea aniversario que servirá como homenaxe ao expresidente. "Igualar o que fixo Carlos será imposible", dixo Guimeráns para agradecer o labor do seu predecesor no cargo, do que se desfixo en eloxios.
"Déixanos o listón moi alto e un club en moi boas condicións", destacou o ex granate poñendo en valor a traxectoria e o traballo desinteresado de Menéndez polo fútbol base da cidade.
Desde o club animan a todas as persoas que forman parte da familia do Salgueiriños a participar na cea do día 28. A inscrición manterase aberta ata o día 25, o prezo é de 40 euros e o lugar, o Liceo Casino.
Outra das actividades que ten previsto organizar o club para celebrar tal efeméride pasa pola edición dunha revista conmemorativa. Para facela realidade piden a todos os seguidores ou exfutbolistas do club que fagan chegar á directiva calquera material gráfico, antigo ou actual, que consideren interesante. "Fotos en branco e negro, a cor, de campionatos, de equipos...", suxire o novo presidente.
Para o mes de xuño teñen practicamente pechada a organización dun campionato de categoría benjamín que levará o nome de Carlos Menéndez.
O fútbol base é o aceno de identidade do Salgueiriños e para marcar aínda máis este carácter, a nova directiva márcase como obxectivo para a próxima tempada a creación de equipos de fútbol base femininos. "Temos capacidade de captación de nenas", asegura Guimeráns, quen espera poder formar equipos de categorías promesa, infantil e cadete. Ademais, lembra que o club asinou recentemente un acordo de colaboración coa SD Campañó para dar saída aos xogadores que terminan a súa etapa como xuvenís.
O ex presidente Carlos Menéndez estivo presente na presentación dos actos do sesenta aniversario e, en resposta aos eloxios de Guimeráns, quixo pedir a toda a familia do Salgueiriños que acuda á cea do día 28. "Que non deixen pasar a ocasión de xuntarnos para lembrar vellos tempos", dixo antes de matizar con humildade que "non se se merezo tantos encomios".
Relacionadas:
-
Un torneo de fútbol benxamín homenaxea a figura de Carlos Ménéndez
Por Redacción |
-
O Salgueiriños rende homenaxe ao seu fundador, Carlos Menéndez, polos seus sesenta anos de máxima dedicación
Por Redacción |
-
Preparan unha homenaxe a Manolo Barreiro co 'rebautismo' oficial de todo o complexo deportivo da Xunqueira
Por Redacción |